Alex Barcello: «Sar é incrible, podes sentir a paixón desde o minuto cero»

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O escolta americano do Obradoiro pasou de errar seis tiros nos tres primeiros cuartos a sumar dez puntos no último ante o Palencia

13 abr 2025 . Actualizado á 20:20 h.

Alex Barcello empezou o último cuarto ante o Palencia sen estrear a súa marcadora de puntos, despois de marrar cinco lanzamentos dobres e un triplo. Era o único do equipo cunha valoración negativa, un -7.

Xogou completo o último cuarto, no que sumou dez puntos: 2/3 en dobres, 1/2 en triplos (máis tiro adicional, que puña o 70-66 á falta de pouco máis dun minuto para a conclusión) e tres tiros libres sen fallo. Acabou con valoración positiva de tres, ou o que é o mesmo, neses dez últimos minutos conseguiu dez créditos.

A súa contribución ao triunfo foi determinante, tamén na última xogada, na que Kunkel enfilou cara ao aro en lugar de buscar o tiro de tres. O escolta do Monbus Obradoiro apartouse para evitar calquera tipo de contacto que puidese darlle un tiro libre adicional e, polo tanto, a posibilidade de empatar a contenda. Así lembra esa acción: «O certo é que ao principio estaba na liña de perímetro e, afortunadamente, decidiu non tirar, e nós fomos listos co balón na última xogada». Refírese a que sacaron rápido de fondo e moveron a pelota sen dar marxe a que o Palencia puidese intentar unha última falta.

Cando se lle pregunta a Barcello sobre a súa transformación no último cuarto, despois de que nos tres anteriores non lle saíse nada en ataque, primeiro recoñece a defensa realizada por Wintering e, en xeral, o Palencia: «É un gran xogador, é moi físico, todo o equipo defendeu de forma agresiva, e iso fixo que tivésemos que empregarnos a fondo».

A partir de aí, recoñece que goza xogando «os finais apertados no marcador, cando se nota a tensión», sen pasar por alto o desempeño previo para poder chegar a esa situación: «Fixemos un gran traballo a nivel defensivo, o que se viu reforzado co noso acerto nos últimos minutos».

Apunta tamén á concentración do colectivo como outro factor importante á hora de conseguir a vitoria: «Xogamos contra un equipo que ten moitas armas desde o tiro. Xa o vimos no último cuarto, no que conseguiron volver ao partido. Grazas a que todos estivemos conectados, conseguimos sobrepornos á situación e levarnos a vitoria».

O escolta americano apenas leva mes e medio no Monbus Obradoiro e confésase marabillado co ambiente que se vive nos partidos de Sar: «Este sitio é incrible. A verdade é que podes sentir a paixón. Notámola desde o minuto cero, no que entramos aos vestiarios, e é algo que se repite cada partido, o cal é de agradecer».