
Apenas dispón de marxe de erro para meterse entre os cinco primeiros
17 mar 2025 . Actualizado á 18:02 h.Restan nove xornadas para que conclúa a liga en Primeira FEB. Nove xornadas que se presentan apaixonantes, porque está todo por decidir. Non hai máis que repasar a clasificación e o calendario dos nove primeiros clasificados (o líder ascende directo, o seguintes oito acceden ao play off) deste tramo que falta para comprobar a dificultade de facer prognósticos.
Nin sequera o San Pablo Burgos ten case atado o ascenso directo, a pesar de levar só dúas derrotas. Pero é o máis firme candidato, pola súa fiabilidade e porque os seus dous rivais máis directos, o Estudantes (está a unha vitoria) e o Fuenlabrada (a dous) teñen que visitar o Coliseo.
O Obradoiro paga a peaxe dunha primeira volta moi pobre, na que acumulou oito derrotas. Na segundo só perdeu un dos sete que disputou ata a data. E ten pendente de recuperar o de Torrelavega, fixado para o 2 de abril. Xoga sen marxe de erro no seu intento por meterse entre os cinco primeiros e asegurar o factor cancha no play off. Esa quinta praza, en mans do Palencia, está agora a dúas vitorias. En caso de gañar ao Cantabria, quedaría a unha e o equipo morado ten que visitar Sar. Na primeira volta o conxunto morado gañou no seu feudo por oito, 91-83.
Por contra, o Palencia ten o calendario máis achandado. Xa xogou contra San Pablo Burgos, Estudantes e Fuenlabrada. De entre os nove primeiros, queda visitar Sar e Ourense, e recibir ao Tizona e ao Betis.
O cuarto posto é para o Betis, a catro vitorias. Pero o conxunto andaluz aínda debe visitar ao Tizona (en Burgos caeron o Estudantes e o Fuenlabrada) e ao Palencia, e ten que recibir ao Estudantes, ao Obradoiro e ao Fuenlabrada. Sobre o papel, o seu é o calendario máis complicado. Sen esquecer ao Fuenlabrada. Na última xornada mídese ao Morón, pero nas catro anteriores recibirá ao Estudantes, visitará ao San Pablo, recibirá ao Obra e viaxará a Sevilla.
E convén non perder de vista esa realidade de que calquera pode gañar a calquera. O San Pablo caeu en Alacante, o Estudantes gañou na prórroga en Morón, o Fuenlabrada por un en Ourense, o Palencia cedeu en Menorca e Valladolid, o Obra en Alacante, Castelló, Cartaxena... Caben mil combinacións.