
Personalizar a vitoria en Barcello sería excesivo, pero dicir que foi o xogador máis determinante do partido non o é. Non só son os puntos que anotou, senón os que regalou coas súas cinco asistencias. E, por amais de todo, o control nos momentos quentes do último cuarto.
É unha moi boa noticia para o Monbus Obradoiro. Como o é o sacar adiante outro partido áspero, complicado, ante un rival que pelexou pola súa sorte de xeito admirable. Na primeira volta quizais se lle escapou a contenda, porque en canto aparecían as curvas o equipo tendía a diluírse. Aí déixanse notar excesivamente os reforzos.
Pero hai un pero, que quizais anticipaba Félix Alonso antes do derbi ao sacar a colación aquilo de que notaba no ambiente que parecía que o equipo tiña que decantar xa os partidos con sobriedade no primeiro cuarto. E, como ben dicía o técnico, esta é unha categoría moi traizoeira. E calquera lle pode gañar a calquera. Sobran os exemplos. Pero queda ese resaibo de que este Obradoiro gaña e, con todo, non goberna, non acaba de atopar o molde ou a variedade de repertorio para manexar distintas fórmulas en función do que require cada partido e cada rival.
Non é doado engranar a maquinaria sobre a marcha e, en todo caso, o obxectivo é ir paso a paso ata as eliminatorias polo ascenso. Aí é cando toca chegar con todos os resortes ben engraxados. Entre tanto, as vitorias son o mellor aceite para conseguir que a orquestra saque brillo á partitura.