Esquecido o ascenso directo, Félix Alonso está ante o reto de reprogramar un equipo que busca o seu crecemento a partir da solidez defensiva
19 ene 2025 . Actualizado á 20:16 h.Obradoiro é que de cando en cando escolle o camiño máis sinxelo, coma se levase no ADN un desexo permanente de desafiar a lóxica. Este curso arrincou cunha meta, pelexar polo ascenso directo. E xa tivo que cambiar as cartas de navegación porque ese obxectivo está fóra do alcance da súa man, unha vez completada a primeira volta. O líder, San Pablo Burgos, só perdeu un encontro. Pero a clasificación di que incluso está complicado meterse entre os cinco primeiros, para ter o factor campo no play off. Palencia e Betis, que son cuarto e quinto, suman tres vitorias máis. E o COB, sexto, unha máis.
A Félix Alonso correspóndelle reorganizar o equipo e marcar o rumbo para mellorar as prestacións na segunda volta. E aos poucos vaise vendo o esquema que pretende.
O primeiro paso está a dalo, claramente, en defensa. Por aí chegaron as tres últimas vitorias consecutivas. O Oviedo e o Valladolid quedaron por baixo dos 70 puntos. O Menorca foise ata os 76, pero chegou ao descanso con só 31 no seu haber. E teñen moito que ver os sete triplos que embocó o conxunto insular no terceiro cuarto. Pasou dun 3/11 en vinte minutos a 7/13 no terceiro cuarto e un 4/8 no último, varios deles ben punteados.
Félix Alonso dicía nas súas primeiras comparecencias de prensa que non era doado distribuír os minutos entre once xogadores de rotación. Curiosamente, a ausencia de Stevic nos dous últimos partidos simplificoulle a tarefa.
Balvin e Stephens están a repartirse o tempo no cinco, Micovic e Galán no catro, e Álvaro Muñoz e Millán Jiménez no tres. No perímetro, o único director de xogo puro é Nacho Varela, e o escolta tirador Brad Davison. E tanto Andronikashvili como Quintela poden xogar ao un ou ao dous. Vale calquera combinación na que entren dúas destes xogadores, aínda que pode ser un se opta por xuntar a Álvaro Muñoz e Millán Jiménez. Está por ver como encaixa a Stevic en canto estea recuperado. Pode ser unha alternativa tanto ao catro como ao cinco. E o que foi descartando é a opción inicial de situar a Micovic como aleiro alto.
Agora chega a Copa, unha boa oportunidade para medir a reacción e seguir crecendo. O venres enfrontarase ao Betis e, se gana, loitará polo título o sábado fronte ao vencedor da eliminatoria que dirimirán o San Pablo Burgos e o Cartaxena. O Obradoiro abrirá a segunda volta en Sar o sábado 1 de febreiro fronte ao Valladolid, ás 18.30 horas.