O Obradoiro apea ao Valladolid e estará na fase final da Copa

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

Reaccionou tras un primeiro tempo desesperante desde a coraxe e unha mellor actividade defensiva para imporse no cara ou cruz final

08 ene 2025 . Actualizado á 00:10 h.

O Monbus Obradoiro estará na fase final da Copa de España despois de ir boa parte do choque por detrás no marcador, gañar por catro (tiña que facelo por tres ou máis) e ver como o último tiro do Valladolid caía fóra milagrosamente. Obxectivo cumprido, pero con moitas dúbidas no xogo. E con Sar dando outro recital, nunha tarde noite de cans, sen deixar de apoiar en momentos moi delicados, que os houbo.

A primeira parte foi unha dor. O equipo está nun deses momentos nos que todo o que pode saír mal sae peor, e nin sequera cabe esgrimir como atenuante o desconcerto arbitral. O Obra foise ao descanso con 23 puntos no seu haber, incluídos un tres máis un de Davison á falta de dous segundos. Así non é que sexa difícil gañar, é case imposible.

O partido empezou xa con mal cor e un parcial 0-5. Félix Alonso probou varias fórmulas e todas as combinacións posibles, salvo co canteirán Alonso Grela. Foi en balde.

Sen solucións colectivas nin individuais a mellor noticia era que o Valladolid, que tampouco atravesa un bo momento, pechou ese capítulo inicial só seis arriba. Iso si, con Stephens e Balvin cargados con dous persoais cada un no lado local.

O segundo cuarto arrincou con repartición de erros entre dous colectivos aos que lles custaba un mundo facer canastra. E con 18-24 chegou un salto de tensión crave. Os árbitros non viron un campo atrás incuestionable porque ningún dos tres estaba atento ao balón. Nesa posesión Nacho Varela puxo un tapón e na pelexa por recuperalo déronlle banda ao Valladolid, con 2,1 segundos por xogar. E pitaron unha persoal de Galán sobre Manchón que lle reportou tres tiros libres, cando parecía estar fose de tempo. En todo caso, na seguinte posesión local indicáronlle unha falta persoal en ataque delirante a Davison, acompañada de técnica ao adestrador.

En todo caso, o Obradoiro non atopaba o compás. Nin antes nin despois do recital arbitral que acendeu Sar. E só Davison conseguía soster ao equipo. Ao descanso, 23-31.

De volta dos vestiarios, e tras unha fase de intercambio de canastras, o conxunto santiagués sacou o carácter. Nacho Varela prendeu a mecha cun par de triplos. E con iso e unha melloría en defensa chegou o empate a 46. Pero de novo adiantáronse os valisoletanos, cun triplo tras rebote ofensivo.

O choque entrou no último cuarto cun 46-49. E volveuse a torcer, con Stephens moi fóra de sitio e un parcial 0-4 que levou a Félix Alonso a pedir tempo e tirar de Balvin, ata entón desaparecido en combate.

O Obra volveu encomendarse á coraxe, agora con Micovic asumindo galóns e con Millán Jiménez pondo todo o corazón.

Un triplo de Davison puña por primeira vez a eliminatoria para o Obradoiro, á falta de dous minutos. Contestou Vucetiv con outro triplo. E de aí ao final decidiu a defensa. E un chisco de fortuna.

Ficha técnica

Obradoiro 65: Nacho Varela (6), Davison (17), Millán Jiménez (5), Galán (1) e Stephens (2) -cinco inicial-. Andronikaskvili (9), Quintela (4), Balvin (5), Micovic (6), Álvaro Muñoz (6) e Stevic (4).

Valladolid 61: Torres (9), Puidet (4), Demers (5), Wilson e Vucetic (3) -cinco inicial-. García-Abril, Manchón (17), Kovacevic (11), Sans, Mballa (12) e De la Fuente.

Parciais en cada cuarto: 9-15, 14-16, 23-18 e 19-12.

Árbitros: Jorge Criado, Antonio Manuel Zamora e Juan Alberto Pinela.

O Betis agarda en semifinais

O Monbus Obradoiro enfrontarase en semifinais ao Betis. Os andaluces venceran na ida en Oviedo e repetiron vitoria no seu feudo, 78-71. Sobrepuxéronse a un frouxo primeiro cuarto, no que o conxunto asturiano, que este sábado visita Sar, endosou un parcial 9-23. Contestaron os verdibrancos cun 28-10 e a partir de aí controlaron o partido e a eliminatoria. Polo outro lado do cadro o Odilo Cartaxena levantou a súa eliminatoria ante o Amics Castelló. Perdera na ida por trece puntos e impúxose ante o seu público por dezanove: 107-88. O San Pablo Burgos non tivo problemas para apear ao Estudantes, despois do 96-58 da ida. Na volta o marcador acabou en empate a 91.