Mr. Jones

Nacho Parajuá O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

10 mar 2024 . Actualizado á 22:08 h.

En 1995 Counting Crows publicaba Mr. Jones. Foi o seu primeiro grande éxito. Un ano despois estreábase a película co seu mesmo nome, estaba protagonizada por Richard Gere. Tratábase dun personaxe bipolar, cunha personalidade desconcertante. Pódese dicir que por Sar pasou o Jones «destroyer», o que fai o que quere, cando quere. Manexou o partido como quixo e non había xeito de paralo. Podería vir en modo «deixábase levar», pero non, que imos facer.

O Obra saíu con todo o seu arsenal, non se deixou nada no banco, pero a banda sonora do partido soaba con forza, Jones manexábao ás súas anchas: respirábase unha sensación de impotencia. O Obra seguiuno intentado, aínda que nunca logramos estar por amais no marcador. O comezo do terceiro cuarto foi esperanzador: puxémonos a tres puntos, bos minutos de Rigoberto Mendoza… Pero rapidamente o Valencia neutralizou ese pequeno cambio de sintonía. O Valencia ten un equipazo e o Obradoiro xa non tivo opcións.

Quedan dez xornadas para seguir soñando. Hai que sumar a máis xogadores para a causa. Noto a Howard desconcertado en defensa, pero sobre todo en ataque, non ten alegría no seu xogo e el necesita xogar con desenvoltura, nótaselle triste, non é o xogador de principio de tempada. Necesitámolo. Non me cabe dúbida de que este equipo conseguirá o obxectivo da permanencia. Estamos a pasar por momentos moi difíciles e a pesar de que sufriremos para conseguilo temos que crer nestes xogadores e neste corpo técnico. Nunca nos fallaron e este ano non vai ser distinto. Se todos nos mantemos unidos lograrémolo. Entendo o desánimo entre a afección, pero isto só ten un camiño que é o de deixar traballar a este grupo para que nos leven a gozar da ACB un ano máis.