Sar achégase a colgar o cartel de cheo para a visita do Real Madrid

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Apenas quedan nove entradas en tribuna 1 e 350 en tribuna 2 a un mes vista

06 feb 2023 . Actualizado á 21:03 h.

O Monbus Obradoiro non volverá xogar na casa ata dentro dun mes. O domingo 5 de marzo ás 17 horas o Real Madrid visitará Sar e o club leva camiño de conseguir un reto que se lle resiste, o de colgar o cartel de non hai billetes. A pesar de iso, esta é a mellor tempada dos últimos anos en canto ao número de espectadores nas bancadas. Son xa dez as contendas disputadas no Multiusos e en oito delas superouse o listón dos cinco milleiros de espectadores.

Ata a data, a mellor entrada foi a do día do Barcelona, con 5.641 afeccionados nas butacas do recinto santiagués. Para recibir ao Real Madrid xa están esgotadas as entradas das bancadas de fondo, retráctil lateral e central, e tribuna un medio e central. Quedan á venda nove en tribuna un lateral, ao prezo de 65 euros as de adulto, e apenas 350 en tribuna 2 (49 euros).

Seguintes partidos na casa

O seguinte partido na casa será fronte ao Lenovo Tenerife. Para este encontro están á venda máis de oitocentas entradas en despacho de billetes. E a continuación chegará o derbi ante o Breogán, o sábado 25 de marzo ás 18 horas. A última hora da tarde, quedaban algo menos de cincocentas.

Pero o compromiso máis inmediato para o colectivo de Moncho Fernández será o deste sábado ás 20.45 horas en Xirona. Rubén Guerrero, en declaracións aos medios do club, pon o acento en que o conxunto de Aíto García Reneses é especialmente perigoso ante o seu público: «É un equipo que está a facer unha tempada moi seria, con algúns altibaixos, pero mantéñense constantes e xogando moi ben na casa. Obviamente, sabemos que xogador teñen e o determinante que é Marc, pero tamén contan con grandes xogadores novos e un gran director do xogo, como é Quino Colom. Ir alí vai ser unha batalla na que teremos que estar concentrados ao máximo para poder conseguir a vitoria».

Marc Gasol foi baixa de última hora no Pazo, ante o Breogán, por unhas molestias nun pé. Ata entón participara en todos os encontros. Pierre Oriola perdeuse os seis últimos por uns problemas de costas, aínda que antes de viaxar a Lugo o técnico deixou entrever que está preto da reaparición.

No partido da primeira volta, o único precedente entre ambos os contendentes na ACB, o Monbus Obradoiro dominou de principio a fin: 89-63.

Á conclusión do encontro, Marc Gasol dicía o seguinte: ««Custounos atopar o ritmo. Non estivemos conxuntados, en ningún momento do partido estivemos todos na mesma páxina. Non por falta de ganas. Os mozos puxeron interese e intensidade, pero aínda non estamos todos aliñados. É un proceso, hai que ter paciencia, hai que ter predisposición para seguir aprendendo e pensar ao nivel desta Liga, que é moi dura».

E non falaba por falar. O Xirona non estreou a marcadora de vitorias ata a quinta xornada. E encadeou cinco derrotas seguidas entre a sétima e a undécima. Pero en ningún momento apareceron os nervios. Actualmente suma sete triunfos.