Marc Gasol: «Foi un gustazo estar en Santiago»

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

Agradeceu o recibimento de Sar e o «ambiente espectacular»

10 oct 2022 . Actualizado á 18:55 h.

Varias ducias de afeccionados esperaron a saída de Marc Gasol para conseguir un autógrafo. E o pivote, moi amable cos seguidores, atendeu todas as solicitudes que puido xa que o autobús saía co tempo moi xusto para coller o avión de volta a Barcelona.

Antes parou cos medios de comunicación, con idéntica consideración. Non puxo panxoliñas á hora de analizar o encontro: «Custounos atopar o ritmo. Non estivemos conxuntados, en ningún momento do partido estivemos todos na mesma páxina. Non por falta de ganas. Os mozos puxeron interese e intensidade, pero aínda non estamos todos aliñados. É un proceso, hai que ter paciencia, hai que ter predisposición para seguir aprendendo e pensar ao nivel desta Liga, que é moi dura».

Mostrouse encantado da experiencia vivida en Sar: «Un ambiente espectacular. Desde hai anos empuxan ao equipo e Moncho é un grande adestrador que prepara ben os partidos tanto en ataque como en defensa, sempre vai un paso por diante. Dá igual que xogadores teñan, interpretan o que di o adestrador. E detrás hai unha afección animando, empuxando. Está moi ben, a verdade é que é moi bo exemplo.

Non lle pasou inadvertido o aplauso da bancada na rolda de presentación: «Sen dúbida que chega. Nestes momentos dunha carreira, cando un xa está no final, aínda agradécense máis porque sabes que che quedan poucos/pouos. Foi un gustazo estar aquí en Santiago. Sígolles e seguireilles porque é un proxecto do que podemos aprender moito».

Do Obradoiro, o que máis lle gustou é «como se baleiraron na pista os xogadores. Tiñan moi claro o que querían, o que buscaban, e a execución queda latente no partido».