Moncho Fernández sitúa a clave no terceiro cuarto

ANDAR MIUDIÑO

F. MALLOL LOF

Agradeceu o «esforzo técnico e táctico» para intentar facer fronte ás baixas

05 dic 2021 . Actualizado ás 00:04 h.

Moncho Fernández non buscou escusas nas baixas, aínda que non deixou de recoñecer que o equipo probablemente acusou o desgaste. O técnico santiagués valorou o arranque de partido: «Fixemos unha primeira metade francamente boa en todos os aspectos e creo que deberiamos habernos ido ao descanso con vantaxe. Pero o acerto do Andorra e o noso desacerto en diferentes situacións do último cuarto fixo que chegásemos empatados».

En opinión do Alquimista de Pontepedriña, a clave chegou tras o intermedio: «O inicio do terceiro cuarto foi importante. Tivemos accións para anotar con relativa facilidade, non as metemos e iso permitiu que Andorra puidese facer o que mellor realiza, que é correr. Abriron unha fenda que logo foi moi difícil de recuperar».

Tamén puxo o acento no notable bajón do Obradoiro en canto á produtividade desde detrás da liña de 6,75 metros: «O 1/12 en triplos nestes dous últimos cuartos é tamén indicativo, talvez, polo cansazo, por moitos xogadores que tiveron que xogar fóra de posto. Fomos poucas na batalla, polas ausencias. Si lles podo reprochar que non teñamos estado tan acertados con gustaríanos, pero non podo reprochar nada polo esforzo, non só físico, que é importante e máis ante un equipo como o Andorra, senón o esforzo técnico e táctico por ter que xogar en situacións que non son as súas, en situacións que non son as habituais. Un claro exemplo é Scrubb. Xogou 28 minutos, e 26 no catro, cando habitualmente xoga no tres. Á marxe de que creo que o poderiamos ter feito un pouco mellor, teño aplaudir o esforzo xogadores no apartado técnico e táctico».

Insistiu Moncho Fernández nos primeiros minutos do terceiro cuarto: «Ese é o momento clave do partido. Non estabamos a defender tan ben como quixésemos, pero anotabamos con fluidez e perdémola nese terceiro cuarto. Logo era complicado volver. Na segunda parte habemos pagado en certa medida o cansazo, tanto no acerto ofensivo como en determinadas accións defensivas».