O Obradoiro mira cara a dentro

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

Nick Spires apela á defensa e a concentración para plantar cara ao Valencia en Sar este domingo

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ninguén bota balóns fóra no Monbus Obradoiro. Ao lembrar o mal partido do equipo en Andorra, Pepe Pozas subliñaba que non era unha cuestión de desidia senón de non ter feito ben as cousas. Nick Spires, que cumpre a súa terceira tempada en Sar, reflexiona na mesma dirección. Do mesmo xeito que o base, apela ao traballo diario e á concentración máxima para elevar o rendemento. O equipo mira cara a dentro en busca de solucións.

O pivote sueco recoñece que o Obra está seguindo unha liña irregular, ás veces dentro dun mesmo partido. E, con carácter xeral, pon o acento nas perdas de balón como un dos factores que están pasando unha factura máis elevada, non tanto polo número canto polo alto custo que están a supor.

Spires analiza máis en detalle este aspecto do xogo: «O maior problema das perdas de balón é que dean paso a contraataques e puntos doados. Así o rival colle moito ritmo. É algo que pode pasar, pero non debemos caer na frustración. Recibir dous ou tres puntos despois dunha perda é un golpe máis duro que se os encaixas tras unha boa defensa. Tanto nun caso como no outro o importante é non vir abaixo e seguir o plan de partido».

A defensa é sempre o cabalo de batalla, a base para asentar a solidez. Spires pon o exemplo do partido ante o Burgos, a pesar da derrota: «Ese día non tivemos moito acerto, pero o que nos deu opcións no partido foi a defensa. Loxicamente, o ataque inflúe. Se estás tres ou catro xogadas sen anotar e o rival colle o rebote e pode saír con velocidade, nótase. Pero defendemos ben. E sacamos os tiros que queriamos, aínda que non tivemos boas porcentaxes. É moi importante tratar de seguir o plan de partido, estar sólidos atrás e atopar os tiros onde queremos».

O ano 2020 arrincou coa baixa de Álvaro Muñoz por unha rotura fibrilar. Calloway xogou en Málaga e ante o Burgos, pero moi mermado. E xa foi non puido viaxar a Andorra. Kostas Vasileiadis volve tras case tres meses afastado das canchas e aínda está lonxe do seu mellor nivel.

Spires é partidario de non darlle demasiadas voltas ás adversidades: «Obviamente, as ausencias nótanse. Non podemos fixarnos niso. O que nos axuda é facer o noso traballo, aínda que sabemos que nos falta xente. Os que estamos temos que sacar os partidos adiante».

Ante o Valencia, próximo rival en Sar este domingo ás 20 horas, o desafío é maiúsculo. Chega un equipo en refacho. Se tivese que escoller un nome propio do conxunto taronja, o pivote sueco do Obradoiro non dúbida: «Dubljevic é un xogador especial, listo, moi completo».

En todo caso, resalta que «non só é Dubljevic. Xogan como equipo. Teñen un gran nivel. Como todos esta tempada na ACB. Subiu dun xeito incrible».

Plan de partido

En consonancia coas reflexións anteriores, Spires anticipa o tipo de partido que lle interesa ao Obradoiro: «Temos que facer o noso xogo, buscar os tiros que queremos sacar nós, non perder o balón, intentar que non poidan correr. Isto non significa un ritmo máis alto ou máis baixo. Se podemos correr farémolo. Se hai que ir máis amodo para buscar os nosos sistemas, farémolo. Nosa defensa ten que ser determinante».

Proclama unha fe sen fisuras no colectivo: «Teño moita confianza nos compañeiros e o equipo técnico. Demostramos moitas veces que podemos estar aí. Se melloramos o que temos que mellorar ao longo da semana e todos estamos na mesma páxina, imos dar guerra, seguro. Debemos centrarnos nas cousas que dependen de nós, en dar pequenos pasos cada día. Nesa liña, e seguindo o plan de partido, imos ter posibilidades».