O Obra invoca a perfección e a fortuna

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

Moncho Fernández fala dun partido cargado de alicientes «ante o mellor equipo de Europa»

18 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Monbus Obradoiro prepara con mimo o partido deste sábado ás 20.30 horas en Sar fronte ao Real Madrid. Xa é seguro que non será o do reencontro con Salah Mejri, que se danou un nocello nun adestramento. E tampouco estará Trey Thompkins, que segue cun plan de traballo específico para a súa posta a punto e xa non viaxou a Lituania para a cita de Euroliga. Pablo Laso aínda deberá decidir dous descartes. A pasada xornada foron Campazzo e Taylor.

Achégase unha contenda cargada de alicientes, tal e como resumía Moncho Fernández na súa habitual comparecencia de prensa previa a cada encontro de Liga : «Teno todo para que, como xogador, sexa o partido que queres xogar. Para o público, igual. Vas ver o que para min é o mellor equipo de Europa. Ao que lle guste o básquet, ten poucas escusas para non vir».

Os números din que vén o Real Madrid que máis anota e o que menos puntos está a encaixar na última década. Pregúntaselle ao técnico santiagués se asusta máis que outras veces, e responde lembrando o rendemento branco nestes dous lustros: «Sempre asusta moito, porque sempre son un gran equipo. Están asinando unha etapa que é dificilmente imitable. Non sei cantos títulos ten Pablo. Seguro que algún sumará este ano. É un equipo enorme. Souberon darlle continuidade ao persoal, souberon suplir aos xogadores que se foron á NBA, han ir aumentando o potencial do equipo con paciencia. Agora falamos de Campazzo como o que é, unha superestrella, ao que trouxeron, cedérono, coidárono, lle han ir aumentando o rol aos poucos».

Se a análise se centra no actual equipo e nos deportistas que o integran, a conclusión é a mesma: «Rudy, por exemplo, ademais de ser un xogador excepcional desde o punto de vista ofensivo é posiblemente o mellor aleiro defensor de Europa. Deck defende desde o un ata o catro e xoga no dous, no tres e no catro, abre o campo ou postea... Todos son grandísimos xogadores».

O que está claro é que hai rivais que expoñen as dificultades maiores desde a retagarda. O Madrid, sen deixar de defender, trata de apabullar co seu ataque. Así o concede O Alquimista de Pontepedriña: «Ofensivamente sométenche a unha presión enorme. Temos que ser moi fortes mentalmente porque podes chegar a realizar unha gran defensa e ver que che anotan. O Madrid ten esa capacidade en moitos xogadores. Tes que estar moi acertado ofensivamente para contrarrestar esas ás veces excelentes defensas nas que, con todo, acabas sacando de fondo».

Fortaleza mental

Como sempre, as perdas de balón, o rebote ou o acerto serán determinantes. Pero, máis que nunca, Moncho Fernández advirte de que «o aspecto mental será moi importante. Primeiro, para crerche que o podes facer, e segundo, para soportar os envites que o Madrid sempre ten. Sen esquecer a non comisión de erros consecutivos, porque iso acaba matándoche, non che permite volver ao partido».

A conclusión é que o Obradoiro necesita un partido superlativo e que o rival non teña o seu mellor día: «Hai que facer moitas cousas ben e ter un pouco de fortuna. É así. É un dos mellores equipos de Europa. Tamén é un mérito xogar contra eles un partido oficial. O nivel de motivación para o persoal é enorme e para o noso público igual. Xa demostramos outras veces que somos capaces de competir contra grandes rivais. Imos tratar de facelo esta fin de semana tamén».