O Real Madrid lidera varias estatísticas

ANDAR MIUDIÑO

P. Castelo ACB Photo

É o equipo que máis anota e o que máis e mellor tira de tres

15 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Pablo Laso manexa un persoal de dezaseis xogadores, incluídos os sub 22 Garuba e Nakic. Só faltan por debutar Salah Mejri, fichado a pasada semana, e Trey Thompkins, que chegou fóra de forma e aínda non se estreou esta tempada. Dos dezaseis só doce poderán ser inscritos en acta. Mesmo se o cadro técnico santiagués puidese elixir os descartes, o Real Madrid sería un equipo temible en Sar.

As estatísticas da ACB despois das catro primeiras xornadas avalan o vendaval branco. O colectivo merengue é líder en valoración, o que máis puntos anota, o que acredita unha mellor porcentaxe no tiro de tres e tamén o que máis triplos converte, o que captura máis rebotes debaixo do seu aro e o segundo na suma de rexéitelos defensivos e ofensivos. Tamén é segundo na estatística de asistencias e na de tapóns.

Pablo Laso reparte tanto os minutos que os seus xogadores só aparecen entre os cinco mellores nun par de apartados individuais: Usman Garuba é o segundo na media de mates por partido; Campazzo, Jaycee Carroll e Tavares sitúanse en terceira, cuarta e quinta posición na estatística que recolle os puntos polos que gaña ou perde o seu equipo tomando o marcador só durante o tempo que están en pista.

Co cambio na normativa aplicado este ano, Pablo Laso ten de prazo ata o mesmo día do encontro para decidir a convocatoria.