O Obradoiro e Corbacho poñen fin a unha relación de sete campañas

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Carlos Guerrero LOF

As diferenzas entre as dúas partes respecto ao terceiro ano, opcional, que tiña o xogador no contrato desembocaron na ruptura

08 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Monbus Obradoiro e Alberto Corbacho puxeron fin a unha relación de sete tempadas repartidas en dúas etapas, con só un ano de paréntese, o que o xogador disputou no Baskonia. Asinou o verán da LEB, foi un dos artífices do ascenso, estivo catro cursos máis nos que se significou como un dos mellores triplistas da ACB. Cando o Baskonia chamou á súa porta non quixo deixar pasar o reto da Euroliga. Un ano despois regresou para ser clave de bóveda en Sar e tivo o infortunio de romper no minuto cinco da primeira xornada. Tras unha campaña en branco, esta tempada tivo unha participación menos protagonista no equipo. Por minutos disputados, foi o décimo. Atrás quedan 210 partidos e 528 triplos.

Cando retornou ao Obradoiro asinou un contrato por dúas tempadas máis unha terceira opcional, que ofrecía unha porta de saída ás dúas partes.

O club decidiu acollerse a esta vía. Así llo comunicou a pasada fin de semana, despois de explicarlle que tiña interese en que seguise no equipo pero cun rol distinto ao que propiciou a súa fichaxe dous anos antes. Pasaría a ser un xogador dos que son capaces de cambiar o signo dun partido, como fixo fronte ao Valencia ou o Bilbao. E tamén cambiarían as condicións económicas. Pero xa non houbo marxe á negociación. Así o explicaba a última hora o Obradoiro nun conciso comunicado: «O xogador comunicou á entidade, a través do seu representante, que prefería emprender outro camiño».

A marcha de Corbacho é unha máis no perímetro. Súmase á de Thomas, que xogará no Valencia, e á máis que previsible de Bendzius, que manexa ofertas inalcanzables para o Obradoiro. E tamén dixo adeus Ben Simons, que empezou xogando como catro e, tras a lesión de Bendzius, acabou desempeñando funcións de aleiro.