Alejandro Rodríguez: «Os bulos climáticos propáganse porque require menos enerxía difundilos que rebatilos»

VIVEIRO

Alejandro Rodríguez García
Alejandro Rodríguez García CEDIDA

O biólogo abordou nunha charla en Viveiro as novas falsas sobre o quecemento global e as súas consecuencias

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No marco da celebración do 20 aniversario da UNED de Viveiro e tamén do proxecto de compromiso ambiental e de divulgación Naturalmente, promovido desde Lugo, Alejandro Rodríguez García, graduado en Bioloxía cun mestrado en Xenómica e Xenética e outro en Ensino e Formación Profesional, ofreceu —acompañado da directora do centro lucense, Ana Traseira Pena— unha conferencia sobre os bulos arredor do cambio climático. O programa de coloquios do aniversario conclúe hoxe cunha poñencia de Lucas Requejo sobre «Alimentación e gastronomía para o desenvolvemento local».

—Cales son os principais bulos arredor do cambio climático?

—Na conferencia fixemos unha compilación de varios. Un deles é sobre a orixe do cambio climático. Os negacionistas aseguran que ao longo da historia sempre aconteceu isto e que o ser humano non ten nada que ver co que está a pasar. Os datos da investigación científica rebaten esta teoría. Outro bulo habitual é asegurar que non hai unanimidade entre os científicos sobre a existencia do cambio climático, cando si hai un consenso. A revisión de artigos é clara neste aspecto. Outras fake news habituais fan referencia ao dióxido de carbono (CO2), o gas de efecto invernadoiro por excelencia por ser o máis abundante. Podemos atoparnos con xente que di que é necesario para a fotosíntese das plantas, cando é moi prexudicial, a súa concentración na atmosfera ten unha relación directa co aumento da temperatura global.

—Tamén falaron dos fenómenos meteorolóxicos extremos, un ano despois da dana de Valencia.

—Así é. O bulo negacionista soe dicir que sempre se deron este tipo de fenómenos extremos: furacáns, incendios, riadas... Pero nós argumentamos que, a causa do cambio climático, suceden agora con maior frecuencia —e van seguir sucedendo— e que a dinámica dos mesmos é moito máis difícil de predicir, acontecendo de forma catastrófica.

—Os bulos climáticos son en moitas ocasións defendidos por celebridades, o que os reforza.

—O bulo das chem trails, que defende que hai unha especie de plan xeral para fumigarnos, é un exemplo. Persoas moi coñecidas como Miguel Bosé ou o futbolista Marcos Llorente están difundindo esas teorías falsas, cando é moi claro que aquilo do que están falando son as nubes de xeo formadas pola condensación do vapor de auga dos avións.

—Por que proliferan os bulos?

—Por un lado, as teorías das conspiracións teñen un certo atractivo, a sensación para o participante de formar parte dun grupo reducido, que ten un coñecemento segredo. Hai outro aspecto esencial, o que chamamos o factor de asimetría da estupidez: require moita menos enerxía emitir un bulo que rebatilo. Detrás das fake news están grupos económicos e políticos que queren reforzar os seus intereses. Desvíase a atención, e polo tanto é importante saber a quen se lle dá espazo: se hai un debate sobre o cambio climático, non pode participar do mesmo xeito un especialista científico que unha persoa que descoñeza este campo. Tamén é certo que os investigadores temos que ser capaces de facer unha divulgación científica impactante, que penetre na sociedade e na mentalidade xeral.

—En que punto nos atopamos respecto do cambio climático? Que podemos facer e que consecuencias pode ter?

—Por un lado está a mitigación, cortar a emisión de gases de efecto invernadoiro para evitar que se siga quentando o planeta. Por outro, a adaptación, tomar as medidas necesarias para adecuarse a ese cambio. Eu diría que estamos nun punto no que xa é máis importante este último punto, porque os efectos do cambio climático están xa no noso día a día. As consecuencias son moi variadas. Do aumento da temperatura global e das emisións de gases de efecto invernadoiro sucédense bucles de retroalimentación: tras un evento vai outro e outro, que afectan a todos os ecosistemas. Aínda non se fala moito dos refuxiados climáticos, pero vai ser así: certa xente vai ter que emigrar dun lugar a outro por este motivo.

—Fálase de refuxios climáticos e mesmo dun turismo climático: moitos residentes no sur de España están a chegar en verán á Mariña fuxindo das vagas de calor.

—Algúns políticos xa están utilizar estas cuestións para eslogans. É certo que algúns lugares como A Mariña lucense, polas súas condicións meteorolóxicas e xeográficas, teñen unha temperatura que non ten nada que ver coas do resto da península. Este tipo de espazos nos que por sorte temos certa comodidade para durmir ou estar na rúa existen, pero tamén nos fan perder certa perspectiva do que é o cambio climático e das consecuencias que vai ter: falamos dun fenómeno global, polo que por moito que haxa matices locais, nunha ou noutra medida, non nos imos librar.