
O Valadouro acollerá o 1 de outubro un foro impulsado pola Mancomunidade, que reunirá a varios expertos
17 sep 2025 . Actualizado á 20:39 h.A Mancomunidade de Municipios comarcal impulsará o 1 de outubro a primeira edición do Foro Turismo e Sostibilidade A Mariña Lucense, que se celebrará no salón de actos da casa da cultura do Valadouro.
O foro de debate ten como obxectivo, segundo explica a Mancomunidade, «converterse nun punto de encontro para abordar o alcance da sostibilidade no sector turístico, contribuír ao recoñecemento económico, social e cultural do turismo e reflexionar sobre o papel do sector na sociedade actual».
Expertos en turismo e sustentabilidade de distintas organizacións participarán no foro, que «busca favorecer a comunicación e intercambio de experiencias cos diferentes axentes do sector turístico na Mariña e coa poboación local, analizar as principais tendencias a nivel global e obter conclusións para o futuro do turismo na comarca e posicionar a costa lucense como un lugar de reflexión sobre os retos e desafíos da actividade turística».
O encontro diríxese a técnicos e profesionais do sector pero tamén á cidadanía en xeral, expón a entidade supramunicipal. As persoas interesadas en asistir teñen que formalizar a súa inscrición a través dun formulario.
A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de A Mariña lucense, cofinanciado pola Mancomunidade mariñá, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Programa
O foro comezará ás 9.00 horas, coa recepción dos participantes e a acreditación dos mesmos, e a inauguración oficial. Ás 9.30 abordarase o bloque 1, titulado «É posible un turismo sostible?». David Mora, director do Máster de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center, ofrecerá un relatorio. Ás 10.15, xa dentro do bloque 2, Alfonso Bertrán, arquitecto da Fundación RIA, abordará «A perspectiva do territorio». Sobre «A perspectiva dos destinos turísticos» falará un representante da Mancomunidade de Urola Kosta, en Guipúscoa.
Entre as 11.45 e as 12.30 haberá unha pausa-café.
A continuación, Patricia Dueñas ofrecerá «A perspectiva das empresas». A conferenciante é unha experta en economía circular, do Circle Economye Grupo Iberostar.
Ao redor das 13.05 horas celebrarase unha mesa redonda, que será introducida por Iñaki Gaztelumendi, consultor estratéxico no sector turístico e asesor de ONU Turismo.
Participarán no coloquio todos os conferenciantes, ademais de Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, un dos municipios galegos que máis visitantes atrae en función do seu número de veciños, e vicepresidenta da Mancomunidade; José Manuel Villapol, representante mariñán na Mesa de Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística Española (Sicted), ademais de xerente do hotel rural Leira Goleta-Foz; e Pepe Peinó, que coordina o programa A Mariña Marabillosa.
Cun evidente repunte do turismo levantado polas temperaturas suaves da costa lucense nun contexto de quecemento global, na Mariña xerouse nos últimos anos un debate sobre como absorber provechosamente este fluxo de visitantes e como financiar os servizos públicos cuxa demanda aumenta pola poboación flotante.