Viveiro xa é Concello Emprendedor

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O Concello recibiu a declaración oficial que representa un aval do Goberno local co fomento da actividade económica e a creación de emprego

11 jul 2025 . Actualizado á 18:19 h.

O Concello de Viveiro recibiu a declaración oficial de Concello Emprendedor, segundo a resolución emitida pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria

Desde o Concello explican que este recoñecemento «supón un aval ao compromiso do goberno local co fomento da actividade económica e da creación de emprego no municipio». Aseguran que para conseguilo, o Concello «adoptou varias medidas encamiñadas a facilitar a implantación de empresas no termo municipal. Entre elas destacan a modificación das ordenanzas fiscais e a sinatura dun compromiso para axilizar a tramitación de licenzas vinculadas á apertura de novos negocios. Estas accións están orientadas a mellorar o atractivo empresarial do municipio e fomentar o tecido económico local (...) Ademais do incentivo que representa para o asentamento de novas empresas, a condición de Concello Emprendedor permite que Viveiro obteña unha puntuación máis alta en algúns procedementos de concorrencia competitiva como convocatorias de subvencións e programas autonómicos de impulso económico».

A alcaldesa viveirense, Mariña Gueimunde, defendeu que este recoñecemento «reforza a nosa aposta por facer de Viveiro un lugar atractivo para investir e crear emprego, eliminando trabas e mellorando as condicións para quen queira desenvolver aquí a súa actividade».