Viveiro pedirá a cesión do vello colexio de Celeiro e da antiga sede da policía en Pénjamo

VIVEIRO

No pleno tamén se aprobaron os festivos locais do 2026, que serán o luns de Naseiro e o martes de Entroido

11 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O pleno viveirense abordou unha moción de Por Viveiro para solicitar ao Goberno a cesión do antigo colexio de Celeiro. A iniciativa saíu adiante tras propor o Partido Popular incluír na solicitude o edificio, de titularidade tamén da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS), de Pénjamo, onde se situaba a antiga sede da policía.

Por Viveiro, a través de Bernardo Fraga, reclamou a cesión do antigo colexio celeirense, sacado a poxa polo Estado sen que houbese compradores, argumentando que «Celeiro e Viveiro necesitan espazos para o tecido asociativo». Martín Vale, do PP, destacou tamén que a antiga sede da policía en Pénjamo está «tamén absolutamente abandonada pola Seguridade Social e cremos que é recuperable, máis cando estamos faltos de espazos públicos». A formación conservadora e a independente acordaron reformar a iniciativa e votaron a favor.

O PSOE abstívose. María Loureiro alegou facer durante o seu período como alcaldesa «todo o posible» para a cesión do antigo colexio de Celeiro, pero asegurou que o Concello sempre condicionou un acordo co Goberno a que este reparase o inmoble, xa que «é unha irresponsabilidade asumir o edificio nas condicións actuais, en ruína e sen garantías». Así, cifrou só a reparación da cuberta, segundo un informe técnico, en 200.000 euros.

O Bloque votou en contra, preguntándose Míriam Bermúdez se Viveiro «ten cartos para reparar un inmoble en ruínas» e resaltando que «hai outros edificios a reparar da titularidade municipal, como a casa dos mestres e as escolas do rural».

Festivos locais do 2026

No pleno tamén se aprobaron, neste caso por unanimidade, os festivos locais do 2026, que serán o luns de Naseiro e o martes de Entroido.