Dende Chavín para o mundo

Veciños afectados de Chavín

VIVEIRO

31 may 2024 . Actualizado á 10:01 h.

Estase a erguer un aparello duns 40 metros de alto para dar cobertura ás novas tecnoloxías na parroquia de Chavín, Concello de Viveiro, no antigo campo de fútbol a orillas do río Landro, a carón das antigas fábricas Barro-Chavín, moi preto do núcleo rural máis grande da parroquia, do castro de Lourido e do Souto da Retorta. A todo isto engadir que este emplazamento escollido para tal aparello está mesmo no punto máis baixo deste val, pouco por riba da Cota 0, cercado por distintos montes que dan orixe a tal val. 

Pra poder executar este proxecto, disque conta con todos os permisos esixidos polas distintas administracións afectadas, cos parabéns das autoridades sanitarias e mesmo avalada cunha sentenza xudicial en favor da sua instalación, e co único rexeitamento por parte dalgunha veciñanza manifestada no seu día, sen éxito ningún. 

Por outro lado, un fai memoria e exame de conciencia habendo xa algúns precedentes recentes nesta mesma parroquia os cales seguen en pé, e un pregúntase: para unhas cousas tanta dilixencia e para outras ningunha? Isto vén a conto de que se nesta mesma zona se pretende facer calquera proxecto ou actividade por parte dunha persoa ou colectivo, todo son trabas; dende facer ou arranxar unha vivenda, garaxe, pendello ou valado; cortar unha árbore por seguridade ou non; mesmo que facer unha festa con tradición popular ou sen ela. Para todo isto e para máis cousas, que se solo rústico ou non urbanizable, Concello, Catastro, Rexistro da Propiedade e a APLU, que se camiño ou estradas Xunta e Deputación, que se zona inundable, filtracións ou nivel freático do río, Augas de Galicia, Rede Natura e Medio Ambiente, que se pedra, cruceiro ou castro, Patrimonio e se é preciso o Clero. 

Algunhas veciñas/veciños nos que me inclúo, nos preguntamos o por que e os intere-ses desa ubicación en concreto, habendo sitios de sobra máis razoables para facelo sen ter que poñelo aí no medio dun núcleo de poboación. Sería bo aclaralo, para evitar entre outras cousas malos pensamentos, do tipo e “os mesmos xa chuparon máis axudas públicas e acabaron pechando” ou “ faise polos postos de traballo” ou tamén “síntoo trabuqueime, non voltará a pasar”. E vaia por diante que eu, nin creo que a veciñanza, sexamos quen de estar na contra do desenvolvemento rural que tanto botamos en falta na nosa parroquia de Chavín. Ben seguro que nos gustaría ter arranxados camiños e cunetas, estradas coas súas beirarruas, un transporte público e regular de persoas, unha boa iluminación pública, unha boa rede de auga e saneamento, unha recollida de lixo máis regular e eficiente, locais e sitios de lecer con actividades e ben acondicionados para nenos e maiores, e sobor todo AXUDA en todos os ámbitos. Iso é o que precisamos os valentes que queremos estar no RURAL: ese RURAL que tanto ultimamente enche a boca a uns e outros, pero que en realidade ben pouco ou nada se fai por el. Á vista está con esta e outras lindezas, por certo o do Feísmo aquí non conta, que se fixeron e permiten na nosa contorna ó amparo de distintas institucións, aínda que sexa cunha relativa ou dubidosa legalidade, por non decir ningunha. E a pesares de todo isto somos quen de cumprir con tódalas nosas obrigas, e non son poucas, a cambio de escasos dereitos que nin eses nos prestan, aínda que sexan por interese e aclamación da cidadanía. Iso si, o dereito á pateleta non nolo quita ninguén. Polo menos mentres non pechemos os ollos e aínda despois, confío en que alguén quedará para lembralo e restregarllo nos fuciños a quen lle toque como parte do noso pasado, a sabendas de que non sirva de nada. 

Por último, lembrarlle a algúns persoeiros e eminencias de distintas institucións públicas e privadas, que aínda que sexamos do rural, da aldea como me gusta dicir a min, e algúns teñamos as nosas eivas, non somos parvos, e se chove é que chove, non sendo outra cousa por moito que vostedes se empeñen.

 Veciño afectado de CHAVÍN entre outros. 

 

P.D.: Cecais na Praza Maior de Viveiro, preto da Porta de Carlos V e a carón de Pastor Diaz, tampouco sería mal sitio para ubicación de tal aparello, ainda que non faltaría quen dixera "iso quédalle como poñerlle unha espindarga a un santo”