Catro dos dez primeiros coches matriculados na provincia de Lugo foron de Viveiro

La Voz

VIVEIRO

MIGUEL SANDE

1905

27 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Catro dos dez primeiros automóbiles matriculados na provincia de Lugo eran de propietarios de Viveiro. Os restantes pertencían a veciños de Lugo (5) e Sarria (1), segundo datos solicitados na Dirección Xeral de Tráfico.

O primeiro viveirense en posuír un automóbil foi o industrial José Varro. O seu primeiro coche era un Dion Bouton, tiña 6 cabalos de potencia (HP) e foi o sexto da provincia en rexistrarse en Tráfico no ano de 1905 coa matrícula LU-6.

Dous anos despois, en 1907, a firma viveirense Pedro Pérez e Cía inscribiu dous coches coas matrículas LU-7 e LU-8, tamén da marca Dion Bouton, e 24 e 30 HP de potencia, respectivamente. E ese mesmo ano, outro viveirense, Benigno López, adquiriu un Hispano Suízo de 24 HP que circulou co rexistro LU-10.

Os catro primeiros coches matriculados na provincia eran de 1904. Pertencían a Ramón Alvarado, de Lugo ?un Barrage de 16 HP? matrícula LU-1; a Luis Piñón, tamén de Lugo, un Panhard de 12 cabalos; a Ramón Saavedra, da capital, un Barrage de 12 HP; e a Antonio Pérez, de Sarria, un Daimler de 7 cabalos matrícula LU-4.

O quinto vehículo da provincia inscribiuse en 1905. Era un Weyher pertencente a Ramón N. Soler , de Lugo. Dous anos despois, outro lucense, Germán Pérez, matriculou co número 9 un Berliet de 22 HP.

José Varro

José Varro era natural de Viloalle (Mondoñedo). Asentouse en Viveiro e xa en 1897 tiña en Chavín unha industria de produción eléctrica e, máis tarde, outras de fabricación téxtil e venda, reparación e carrozado de automóbiles.

En 1907 tiña un taller considerado «único na provincia». Importaba os vehículos Dion Bouton, pioneiros do coche moderno. A firma era unha sociedade entre o aristócrata francés, Albert de Dion, e un artesán de talento chamado George Bouton.

A empresa lanzou no ano 1900 o primeiro «utilitario», dun cilindro, capaz de desenvolver unha velocidade media de 30 quilómetros por hora. O modelo tivo gran éxito e foi coñecido como o Coupé Docteur porque a miúdo o compraban os médicos para os seus desprazamentos.

En 1908, Dion Bouton sacou unha gama completa de vehículos, converténdose dese modo na empresa automobilística máis importante do mundo e dotada cun persoal de ao redor de 3.000 empregados.