Bravos, en Ourol, celebrará este martes a romaría de Fátima, unha das santas «máis milagreiras» da Mariña

OUROL

Haberá cinco misas entre as 09.00 e as 20.30 horas
12 may 2025 . Actualizado á 11:01 h.A parroquia de Bravos, en Ourol, celebrará este martes, 13 de maio, a romaría de Fátima, en honra a unha das santas «máis milagreiras» da Mariña. Ao longo da xornada, haberá cinco misas. A primeira terá lugar ás 09.00 horas, con «rosario da aurora» e eucaristía. Ás 11.00 haberá outra, mentres que a programada para as 13.00 horas concluirá con procesión. Ás 18.00 horas oficiarase a cuarta, e ás 20.30 horas os fieis poderán acudir á quinta, que tamén rematará con procesión.
Aínda que a previsión meteorolóxica non é favorable, xa que se prevé que chova durante boa parte da xornada, serán moitos os fieis e devotos que se despracen ata o santuario situado en Bravos, onde se venera unha imaxe da Virxe de Fátima desde 1950. A talla, doada polo indiano Constantino Fernández Lamelas e a súa esposa, chegou á parroquia ourolense co impulso do párroco Vicente Gradaille Trobo. Segundo a tradición, durante o seu traslado a Bravos obrou polo menos dúas curacións milagrosas. Nunha delas, o adolescente Plácido Balseiro, que estaba impedido das pernas, botou a andar cando viu a imaxe pasar diante da súa casa. Da outra foi protagonista Dolores Villar, quen contou en diferentes ocasións que, ao ver a talla, curou a tuberculose e a peritonitis que a tiñan prostrada en cama e desafiuzada. «Cando estaba a piques de morrer, por unha peritonitis, trouxéronme a imaxe da Virxe á casa. Deille un abrazo e pouco a pouco funme sentindo mellor ata que á fin curei», relatou a La Voz de Galicia no ano 2002.
Previamente, este luns, 12 de maio, concluirá a novena con rosario ás 20.00 horas. A continuación haberá misa.