En 1908, de 66 mozos de Viveiro en idade militar, 40 emigraron e 20 pagaron por librarse

MARTIN FERNÁNDEZ VIVEIRO/LA VOZ

MONDOÑEDO

RICARDO MARTÍN

Unha das causas da emigración galega foron os prófugos, a fuxida do servizo, a decisión de non morrer

10 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En plena ditadura franquista, a cómica Mary Santpere dicía que «en España non hai divorcio….pero existe o aí quedas». Era unha forma de dicir que a xente atopa sempre camiños alternativos fronte a disposicións oficiais que, a miúdo, non responden o interese xeral senón ao duns poucos…

En 1908, O Correo de Galicia publicaba no seu número 3 unha reveladora noticia: «Dos 66 mozos sorteados o actual ano no municipio de Viveiro, resulta que se achan ausentes en América 40, quedando sólo 6 que poidan ir ao servizo pois os restantes teñen excepción legal ao pagar a alta cifra que lles exime». O dato demostra que unha das causas da emigración galega foron os prófugos, a fuxida do servizo militar, a decisión de non morrer, de non perder os mellores anos dun xeito improdutivo.

O feito non era illado. Dous meses despois, en Mondoñedo os datos eran aínda máis reveladores: dos 58 mozos que compuñan a substitución dese ano, 25 estaban en Arxentina, 14 en Cuba, 18 en ignorado paradoiro…. e sólo quedou un para acudir «á chamada da Patria».

Entre os anos 1910 e 1920, moitos concellos da Mariña dedicaban boa parte das súas sesións a confeccionar e dar conta dos expedientes de prófugos. A Guerra de Marrocos e as enfermidades e epidemias que se contaxiaban no período militar ofrecían cifras devastadoras. Entre o comezo da guerra e ata 1912, para os mozos en idade militar condicionábase a súa saída ao estranxeiro ao pagamento dunha fianza de Quintas de 6.000 reais, unha cifra que multiplicaba por 5 ou 6 o prezo da pasaxe.

Amnistía en 1920

Como os campesiños non podían chegar a ela, o habitual era fuxir, adiantar a saída aos anos da nenez e acudir á emigración clandestina como polisóns, en adegas dos barcos, con documentación falsa, etc. O feito de que en España todo fosen dificultades e nos países de acollida non houbese ningunha (necesitaban poboación e man de obra) era un factor que multiplicaba a opción da emigración clandestina.

O conflito con Marrocos concluíu coa detención de Abdelkrim en 1927. Primo de Rivera decretou unha amnistía para os prófugos emigrantes e a partir de entón e na 2ª República foi diminuíndo o número de prófugos. En 1946, Franco autorizou a emigración aínda que mantivo a restrición para os mozos en idade militar aos que obrigaba a depositar 500 pesetas antes de embarcar como garantía de retorno para cumprir o servizo militar…

martinfvizoso\gmail.com

Galicia presentaba durante eses anos datos dunha auténtica revolta antimilitarista

A hostilidade dos mozos e dos campesiños galegos ao servizo militar foi unha das causas económicas que determina, explica e anticipa a emigración. Para eles ?xentes laboriosas, traballadoras e moitas veces inxenuas- a mili significaba tempo perdido que sólo servía para corromper e desmoralizar aos mozos, para inocularle enfermidades e vicios e para deixalos ao final na rúa sen oficio nin beneficio.

Esa hostilidade reflíctese ben no número de prófugos respecto ao dos alistados en Quintas, segundo explica Miguel Anxo Murado. Mentres que provincias tan pouco migratorias como Segovia ou Toledo tiñan taxas de prófugos do 2,8% e o 4,18%, as das provincias galegas oscilaban entre o 39,5% de Ourense, o 40,1% de Lugo e o 43, 68% da Coruña no ano de 1925. O que supoñen datos case case dunha auténtica revolta antimilitarista…

No Valadouro, por exemplo, segundo o Correo de Galicia de 1908, dunha substitución de 30 mozos, foron 13 os prófugos, como se escribiu noutra crónica de Memoria de Mariñáns. E ese mesmo ano, en Alfoz foron 14 os fuxidos da mili: Jesús Lorenzo, Dodolino Trigo Hermida, Manuel Moscoso Couso, José Viveiro Carreira, José Expósito Couso, Antonio Canoura Otero, Pedro Pardeiro Ramudo, Elías Bermúdez Pena, Juan Geada Fernández, José Mon Canoura, Cándido Díaz Canoura, José Munguía Otero, Jesús Veiga Piñeiro e Xeneroso González Cortegaza.

41 prófugos de Mondoñedo, 26 de Foz, 13 do Valadouro e 10 de Cervo

Os prófugos ían a máis. En xuño de 1904, segundo O Norte de Galicia houbo 22: Pedro Parga Mon, Amando Lamas Rodríguez e José Otero Rapa de Cangas; José Gómez, Manuel Ramos Val, José Ramos Fernández e Eduardo Suárez Rocha, de San Acisclo; Ramón Prieto Rodríguez e José Fernández Lestegás, de Fazouro; Manuel Pérez Fernández e Manuel Moreda Villarino, de San Martiño; Manuel Vázquez, Ramón López Alvarez, Francisco Garcia Ramos, José Hermida López, Francisco Moreda Suárez e Ramón Díaz Rio, de Nois; e José Pena Rodríguez, José Hermida Estua, José Lamela Alonso, Juan González Villamil e Ramón Rodríguez Fanego, de Vilaronte.

Catro anos máis tarde, no mesmo Foz foron 26 os fuxidos: Francisco Quiza García, Atilano Freire Mon, Manuel Novo Rico, Jesús Mon López, José Balmayor Rego, Manuel Chao Díaz, Emilio Llano Fernández, Leandro González, Angel Alvarez Díaz, Florencio Otero Rapa, José Rodríguez Fanego, Máximo López Muñiz, Antonio Moscoso Palmeiro, Nemesio Moreda Suárez, Amador Martínez Río, Alejandro Fernández Couto, Vicente López, Manuel Pena Díaz, Amaro Fanego Ramos, Heliodoro Rodríguez Alonso, José Basanta Lourín, José González Alonso, Francisco Doce Caseiro, Máximo Canoura Arnaú, Francisco Otero Val e Francisco Rodríguez Maañón.

Ese ano en Mondoñedo houbo 41: Jesús Muiño, José Díaz Rey , Antonio Barreira García, Manuel Pardo Rey , José Vila Vázquez, Emilio Sánchez García, José Antonio Goyos, Ramón Alvarez Vázquez, Jesús García Zapico, José Antonio Albeiro, Tomás Barreira Freijo, Gustavo Tapia Leivas, José Mª Robles Rodríguez, Fernando da Rega González, Jesús Novás Santamarina, Manuel García Polo, Ladislao Couso, Juan Díaz Leitón, José Antonio Expósito Pena, Antonio Rego Díaz, Gonzalo Fraga González, José Díaz Rodríguez, Sabino Pérez, Antonio Insua Díaz, José Polo Losada, Santiago Pi, David Pérez López, José Palacios Méndez, Cayetano Maseda Iglesias , José Antoni Cañamaque, Jesús José Mediavilla, Manuel Redondas Maseda, Ricardo Vidal, José Antonio Larén, Manuel Pedreira López, José Mª Bermúdez, Daniel Coldeira González, Antonio Loureiro Fiallega, José Nogueira Cabanela, José Alonso García e Pedro Arias Marzo.

E en Cervo, Eco de Galicia informa que no ano 1892 houbo un total de 10 prófugos: Guillermo Cao Alvarez, Tomás Fernández, Emilio Albelo González, Emilio Rodríguez Eijo e Francisco Castro Gómez, de Cervo; José Fdez. Otero, de Burela; Manuel Baltar Villares e José Pena Rodil, de Lieiro; Antonio Castro, de San Román; e José G. Ramos, de Sargadelos.