"Estre premio é a recompensa ao traballo e sacrificio de todo un ano"

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO FOZ / LA VOZ

FOZ

O mariñán Alejandro Otero gañou o VII Campionato Internacional de Baristas IES de Foz

15 feb 2019 . Actualizado ás 20:59 h.

Ademais do protagonismo do vigués Roberto Pereira, Rober, primeiro participante con síndrome de Down no campionato de baristas profesionais IES de Foz, o outro gran protagonista da xornada do venres foi o mariñán Alejandro Otero Rodríguez, Álex, barista no Hotel Urban de Viveiro, que logrou o primeiro premio do sétimo campionato. A segunda posición foi para Iago Lesta, da Coruña, e a terceira para Jairo Muñoz, de Vitoria-Gasteiz.

O campión mariñán, Álex Otero, manifestou tras recoller o premio que non contaba gañar, pero non ocultou que estaba satisfeito co exercicio realizado. Confesou que Foz e o seu campionato «tiran moito» e asegurou que fora un certame especial pola presenza de Rober. Álex era a terceira vez que participaba. As veces anteriores concorrera como alumno de escola e o ano pasado, como barista profesional. «Este premio representa a recompensa ao traballo e ao sacrificio realizado durante todo un ano», recoñeceu o vencedor da xornada, para quen é importante que o galardón chegue, sobre todo, «desta escola». Outro dos grandes sorprendidos foi o coruñés Iago Lesta, que tras vencer o xoves no campionato de escolas de hostalería, quedou este venres en segundo posto.

Aplausos aos colaboradores dos campionatos, que foron un éxito

O barista Diego López, encargado de presentar o campionato de baristas de escolas de hostalería e o de profesionais, despediu onte o acto desexando que o próximo ano se poidan repetir os certames con toda a infraestrutura despregada este 2019.

Augusto Morales , presidente dos Baristas de Galicia, pediu o aplauso do público para todos cantos fixeron posible tres intensas xornadas de campionatos organizados polo instituto focense e celebrados no pavillón, por onde pasaron máis de mil persoas desde o mércores.