Debate social pola carte dun comerciantes de Foz alertando das compras «en liña»

FOZ

PEPA LOSADA

O CCA recibiu a misiva na que se advirte que sen negocios locais, non hai pobos

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de 2.000 empregos xeran os negocios das asociacións de empresarios da Federación de Comercio da Mariña. A estes hai que sumar os empregos doutras patronais da comarca. O impacto socioeconómico dos negocios locais é incuestionable. Talvez por iso, o Centro Comercial Aberto divulgou onte a carta dun comerciante de Foz na que se insta a analizar a importancia de comprar no pequeno comercio. Entre outras reflexións xerais, non referidas exclusivamente a Foz, comenta o «desánimo» do sector, alerta do peche de negocios e do futuro de «pobos mortos», onde non haberá empregos, «aínda que quede Internet para comprar».

Desde o CCA aseguraron que o autor da carta prefire manter o anonimato, aínda que son conscientes do gran debate que suscitou nas redes e nos medios. «O comercio pequeno é un comercio de calidade, con tendas que ofrecen moi bos produtos para todos os petos, que hai comercios de todo tipo e variados... Sabemos que Internet e algúns establecementos das grandes superficies son moi atractivos para os nosos clientes, xa sexa pola variedade que ofrecen de produtos, polos seus baixos prezos ou pola comodidade de comprar desde casa. Somos conscientes de que temos que enfrontarnos continuamente a ese problema e intentámolo sobre todo coa nosa maior baza, que é ofrecer unha maior e mellor atención personalizada aos nosos clientes», reflexiona o autor da carta.