Unha preocupación que se estende por municipios do litoral de moi distinto signo

La Voz

CERVO

JANET GONZALEZ VALDES

14 jun 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Afectados de cheo pola crise aberta en Alcoa San Cibrao coa posible perda de centos de empregos, os alcaldes de Cervo e Xove manifestan tamén a súa preocupación por como afectarán os cambios ás piscifactorías asentadas na súa costa. «Están xogando coa viabilidade de empresas que están dando cerca dun cento de postos de emprego», incide o rexedor cervense, Alfonso Villares , que asegura que existe preocupación entre os empresarios por medo ao que poida pasar. No polígono de Cuíña funcionan as plantas de Stolt Sexa Farm, cunha recente ampliación. No principio do ano, tanto nos plenos de Cervo como no de Xove, o PP presentou mocións en defensa das súas piscifactorías e dos empregos ante o cambio na normativa de Costas que pretende o Goberno e que podería afectar a ambas as plantas. Pola súa banda, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, tampouco oculta a súa preocupación pola afección á planta do grupo Nova Pescanova en Lago. «A finais do ano pasado directivos da empresa xa nos amosaron a súa preocupación polo asunto, asegurando que se non se cambiaba o contemplado, dificultaría facer investimentos», explica Salgueiro: «A súa postura é normal. Existe inseguridade xurídica».

Ao lado de sector e traballadores

O alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, que no seu día rexeitou a moción de apoio aos afectados porque tiña noticia de que o Goberno retirara o proxecto, manifestou que vai estar a favor do emprego, á parte de que nunha crise como a actual «non é o momento de cambiar ningún regulamento, a non ser que sexa pactado co sector e os traballadores».

Ao sur da ría de Arousa son moitas as empresas que perciben os posibles cambios como unha ameaza. Algún dos seus titulares admiten que a proximidade da data de caducidade das súas concesións non lles deixa durmir polas noites. Desa preocupación hase feito eco o PP de Cambados, que afirma que unhas 20 firmas do municipio están en risco. O alcalde do Grove, Jose Cacabelos (PSOE) xa mantivo contactos. «Tanto politicamente, como persoalmente, considérome unha persoa comprometida co respecto ao medio ambiente. Pero ese coidado e ese respecto debe facerse tendo en conta, tamén, a realidade económica e social dos territorios, e a galega non ten nada que ver coa andaluza ou coa valenciana».