Arrincan en Burela os traballos para habilitar un novo aparcadoiro público na rúa Leandro Cucurny

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

Cedida

O Concello iniciou a obra para acondicionar un aparcadoiro con corenta prazas

30 sep 2025 . Actualizado á 12:57 h.

Estes días comezaron en Burela os traballos para acondicionar e habilitar un novo aparcadoiro público e gratuíto con corenta prazas nun soar da rúa Leandro Cucurny, próximo á zona das Casas Baratas.

Desde o Concello lembran que esta intervención está vinculada á obra de humanización e reforma integral que se executa na rúa Curros Enríquez. A referida actuación obriga a reorganizar o aparcadoiro existente na zona, por iso é polo que as aproximadamente trinta prazas públicas de Curros Enríquez serán recolocadas no novo soar, «garantindo que non se reduza o número total de prazas dispoñibles, senón que se trasladen para mellorar a orde e a mobilidade», segundo explica a rexedora burelense, Carmela López: «Seguimos traballando para mellorar os ‘parkings' xa existentes e impulsar a creación de novos espazos de estacionamento. O noso obxectivo é dar resposta ás necesidades de aparcamento e avanzar cara a unha Burela máis ordenada e accesible».

Desde o Concello avanzan que coa apertura deste novo aparcadoiro modificarase o sentido da rúa Leandro Cucurny no tramo comprendido entre as rúas Curros Enríquez e Lamestra, «finalizando así os cambios de circulación previstos para esta zona centro dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sostible».

Por outra banda, desde o Concello lembran que esta actuación forma parte das medidas municipais no marco do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Burela (PMUS), «que aposta por reorganizar o tráfico, mellorar a seguridade viaria e favorecer o acceso ao centro da vila».