O pleno de Burela abordará unha subida do IBI urbano e a revisión das bases da Escola de Música

BURELA

O equipo de goberno defende incrementar o incremento para seguir realizando investimentos e mellorando servizos
25 sep 2025 . Actualizado á 13:13 h.O equipo de goberno burelense defenderá este xoves no pleno unha subida do tipo de gravame do Imposto de Bienes Inmobles (IBI) urbano, pasando do 0,48 ao 0,50 por cento. Cualifican o axuste de «moderado» e entenden que «non supón unha carga excesiva para as familias, pero permitirá manter un Concello con capacidade de facer investimentos útiles e mellorar os servizos públicos».
A alcaldesa, Carmela López, lembra que a última actualización realizouse en 2016. «Agora tócanos afrontar esa decisión, porque é responsabilidade deste goberno garantir os recursos que permitan que Burela prospere», explicou a rexedora. De aprobarse, e a modo de exemplo, un piso tipo localizado na avenida Arcadio Pardiñas, cun valor catastral de 69.764,10 euros, pagará 13,95 euros máis e unha casa na mesma avenida, cun valor de 101.611,22 euros, abonará unha diferenza de 20,32 euros.
O pleno abordará iniciar un procedemento de revisión de oficio das bases do proceso selectivo para 7 prazas de profesorado de música interino. Tras detectar o Concello que se accedeu a esas prazas «sen cumprir estritamente o requisito do grupo A2 da función pública», ante as dúbidas e ao presentarse un recurso, «púxose de manifesto a necesidade de revisar o procedemento, e preferimos facelo con transparencia e seguridade xurídica para todas as persoas implicadas».
Tamén se exporá a composición da mesa de contratación para a licitación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria, praias e punto limpo, «o que permitirá avanzar no procedemento de adxudicación dun servizo esencial», explican.