A música e o baile achegarán o día 29 a centos de persoas ás Negradas, no Vicedo, no primeiro Serán Os do 21

BURELA

A cita contará co apoio do Concello do Vicedo e da Deputación de Lugo
26 mar 2025 . Actualizado á 17:27 h.A música e o baile tradicional achegarán este sábado, 29 de marzo, a centos de persoas ó campo da festa de Negradas, no Vicedo, durante o primeiro Serán Os do 21. A cita foi presentada este mércores na Casa da Cultura do Vicedo nun acto no que participaron, ademais de numerosos membros do colectivo coa súa nova presidente á fronte, Noelia Piñeiro, e representantes da Asociación de Veciños de Negradas, o alcalde, Jesús Novo, e a deputada provincial de Facenda e alcaldesa de Burela, Carmela López. As dúas administracións públicas colaboran na organización dunha festa que dará comezo ás 12 da mañá e que se prolongará ata ben entrada a noite. Participarán os sete grupos da asociación Os do 21: As Folerpas, As Faíscas, As Ferriñas, As Fuerelas, As Farrucas, Cantareiras de Valdeflores e Os do 21. Segundo explicou Noelia Piñeiro, forman parte deles en torno a 90 persoas con idades comprendidas entre os tres e os 87 anos. No primeiro serán tamén actuarán: Os Xílgaros (Lugo), Dambara (Burela), Arume (Burela), Os Carecos (Ortegal), No Cómbaro (As Pontes), Fol do Raxal (Cervo), Nordeste e Caiado (Cariño), O son do Sor (O Barqueiro), Espera que vou mexar (Viveiro) e Garabanha (Covas e Ortigueira).
Pola tarde (16.30 horas), Os Carecos ofrecerán un obradoiro de baile, mentres que a foliada dará comezo ás sete da tarde. «Vai ser unha xuntanza de grupos para pasalo ben coa nosa cultura e a nosa música», destacou Piñeiro. Tanto Jesús Novo como Carmela López felicitaron á asociación Os do 21 por desenvolver esta iniciativa e, especialmente, por tratar de achegada a unha parroquia como Negradas que, doutra maneira, moita xente non visitaría. Haberá posibilidade de comer xa que se servirán racións de callos con bebida e postre por 18 euros. Os do 21 agradecen as doazóns de establecementos do Vicedo e de Viveiro para os sorteos.