David Rial, autocrítico tras a derrota que deixa ao Burela sen esperanzas de ascenso directo: «Este nivel non nos chega»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O adestrador santiagués reprobou «a imaxe e actitude» do Peixes Rubén no 4-0 frontes ao Wanapix Zaragoza

18 mares 2024 . Actualizado ás 18:50 h.

A seis xornadas de rematar a liga regular e con 12 puntos de desvantaxe sobre o líder e outros tantos de renda sobre o sexto, a derrota por 4-0 frontes ao Wanapix Salga 10 Zaragoza pon a pensar ao Burela Pescados Rubén no play off como única vía cara ao ascenso. Aínda que para soñar con regresar á Primeira División de fútbol sala deberá ofrecer nesas eliminatorias un nivel moi superior ao visto no Pavillón Século XXI, admitiu David Rial.

«O marcador fala claramente do que se viu na pista», analizou un adestrador santiagués que viu aos seus superados «os 40 minutos». «Temos que facer autocrítica, este nivel non nos chega. De aquí a final de tempada temos que loitar por un ascenso e aquí non hai torta para todos, o que non teña o nivel quedará sen o seu cachito. Temos que dar unha versión moito mellor, sobre todo en canto a actitude e imaxe», explicou.

«O noso camiño na segunda volta é moi bo. Ata agora cederamos dous empates e sabiamos que viñamos a unha pista complicada e a posibilidade de perder é alta, pero o que máis me doe é a imaxe. Houbo un equipo que se xogaba moito como Wanapix e nós saímos a competir como un partido máis, cando necesitabamos enfocalo como un partido de play off ou unha final para igualarlles ese nivel», engadiu tras a derrota contra un Zaragoza que aproveitou a picada do UMA Antequera en Leganés para pasar a depender de si mesma na pugna polo ascenso directo.

«Somos un moi bo equipo, pero temos que esixirnos todos os días desde o primeiro ao ultimo minuto para que non pasen cousas como esta», finalizou Rial, o adestrador dun Burela que tratará de mellorar tras o parón da Segunda División.