Rescatados efectivos do GEO tras envorcar unha embarcación a unhas catro millas de Burela

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

Aínda que Salvamento Marítimo mobilizou medios, foron os ocupantes doutra lancha, tamén do Grupo Especial de Operacións, os que rescataron aos outros tripulantes

21 ene 2021 . Actualizado ás 18:20 h.

Sobre as 21.47 horas deste martes, o centro de Salvamento Marítimo de Fisterra recibiu unha chamada do 112 Emerxencias na que se informaba que unha embarcación dos GEO (Grupo Especial de Operacións) envorcara a unhas catro millas ao norte do porto de Burela.

Desde Salvamento Marítimo mobilizaron ao Pesca II, á Salvamar Alioth e á LS Saturno, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención porque, tal e como confirman desde Salvamento, foron os ocupantes doutra segunda embarcación, tamén dos GEO, os que rescataron aos que navegaban na primeira, unhas seis presentas, segundo o 112 Galicia, que indicou que participaban nun exercicio de adestramento policial. Entre ambas as lanchas sumaban 16 tripulantes.

Desde Salvamento tamén confirman que foi precisamente un informante en terra da Policía Nacional o que lles deu o aviso de que os tripulantes xa foran rescatados. Ao parecer, efectivos dos GEO estaban a realizar exercicios na zona. A súa presenza xa o sábado nas inmediacións do porto deportivo de Viveiro chamou a atención de transeúntes e veciños.

Pola súa banda, este mércores desde o 112 confirmaban que desde o seu servizo tamén deron o aviso á Garda Civil de Lugo, aos membros de Protección Civil de Burela, aos profesionais do 061 e á Sala de Gardacostas de Galicia. Tamén segundo o 112, o persoal de Salvamento Marítimo remolcou a lancha policial cara ao porto burelense, sen necesidade de mobilizar máis recursos de rescate.