As superheroínas de Burela renovan outra coroa: gañan a Supercopa de España

BURELA

PEPA LOSADA

O Peixes Rubén pechou o seu triplete en tempos de pandemia coa Supercopa en casa ante un combativo Poio Pescamar

09 ene 2021 . Actualizado ás 14:05 h.

As superheroínas que ilusionan a Burela mesmo nos convulsos tempos de covid volveron facer honra á súa fama. O Peixes Rubén Burela pechou o triplete da pandemia en casa, con 200 animosos afeccionados na bancada do Vista Alegre, noutra festa galega ante un Poio Pescamar combativo, pero co que marcou importantes diferenzas na cancha. O equipo de Julio Delgado conquistou a Liga en Málaga, a Copa da Reina na mesma sede e tamén contra as pontevedresas, e só 19 días despois a Supercopa en Burela. As cada vez máis lendarias Guerreiras Laranxas acumulan seis coroas consecutivas desde xuño do 2019, e en total xa teñen tres Supercopas, tres Ligas e tres Copas.

O cadro pontevedrés entrou moi metido ao partido e mesmo dispuxo dunha ocasión inmellorable xa aos 40 segundos nos pés de Dani Sousa tras unha transición de Luci e un bo pase de Irene García. Jozi estivo xigante para frear á súa compatriota brasileira no segundo pau. Esas saídas con espazo foron a mellor arma do conxunto de Manu Cossío nunha primeira metade na que o Burela tivo un dominio evidente da pelota.

Aínda que ante un rival ben plantado e disposto a pelexar cada acción custoulle xerar oportunidades, o temperán gol de Peque reforzou ás mariñás na súa idea de mover a pelota con paciencia e intelixencia. A madrileña estreou o marcador cando só transcorreran sete minutos nun inesperado chute pegado ao pau desde fóra da área, rodeada de inimigas. Xa antes Silvia Aguete taponara ben ante Dany nunha recuperación da 7, e Ale de Paz esixiuna nun tiro preto da escuadra.

A porteira pontevedresa mantivo ás súas no partido con varias paradas nos momentos máis críticos. Especialmente meritorias foros outras dúas intervencións ante Dany, asistida primeiro por Peque e logo por Leti Cortés nun pase desde propio campo. No enésimo roubo e carreira de Cami, Aguete mesmo tocou a última ocasión da pivote brasileira no primeiro tempo, pero a pelota entrou a gol lastimosamente. Neses últimos instantes previos ao descanso, Elena Aragón mandou un dobre penalti ao limbo e Bea Mateos estrelou a pelota no pau noutra transición de Cami e pase de Peque ao segundo pau.

Con 2-0 en contra, o Poio deu un paso á fronte na continuación, pero a súa ilusión durou o que tardou o Burela en volver encadear posesións longas. Ao final, a porteira Caridade García foi a máis decisiva das súas no segundo acto, con boas paradas ante Cris Pérez ou Dany, e a MVP Peque volveu enviar un balón ao poste. Nin sequera con porteiro-xogador durante máis de catro minutos incomodou un equipo que se despediu orgulloso de volver dar a cara nunha final.

Ficha técnica: 

P. Rubén Burela, 2: Jozi; Cami, Leti Martín, Peque e Cris Pérez -cinco de inicio-, e Cilene, Dany, Bea Mateos, Ale de Paz, Elena Aragón.

Poio Pescamar, 0: Silvia Aguete; Irene García, Luci, Ana Rivera e Dani Sousa -quinteto-, e Antía, Clara, Miriam, Julia, Agostina Chiesa, Carol e Caridade.

Goles: 1-0, min. 7: Peque. 2-0, min. 19: Dany.

Árbitros: Carreira Romero e Ferreira Carballal. Mostraron a cartolina amarela a Clara, polo Poio

Incidencias: 200 espectadores no Vista Alegre.