O xubilado de Alcoa que aos seus 76 anos segue ampliando o seu museo de antigüidades: así viviamos non fai tanto

María Cuadrado Fernández
MARÍA CADRADO ALFOZ / LA VOZ

ALFOZ

Valentín González, de Alfoz, emprégase a fondo cada día no coidado dos seus tesouros: «Foi unha moi alegría grande recibir o outro día a un grupo de Asturias»

18 feb 2024 . Actualizado ás 11:31 h.

Da casa de Valentín González Paz (Alfoz, 1947) saíron varias pezas para o Museo do Pobo Galego — «viñeron nun furgón buscalas»—, un banco de castiñeiro para o Museo Provincial de Lugo, un cadro dun barco para o Museo Provincial do Mar de San Cibrao... E con todo, Valentín non deixa de ampliar en San Pedro de Mor (Alfoz) o seu propio museo, bautizado como «Casa Tin». Abriu ao público en xuño de 2018 como un museo da radio e, desde entón, a colección de fondos non deixou de crecer. En días pasados as visitas guiadas a Casa Tin volveron a reactivarse.

Este xubilado —que traballou en Alcoa ata 1992— ten actualmente 76 anos e dedica boa parte da súa xornada diaria a coidar do seu patrimonio. El gózao e gústalle que outros tamén se recreen, aprendan e teñan a oportunidade de botar a vista atrás. Porque penetrarse neste espazo de carácter museístico é volver sobre as orixes, sobre o pasado que marcou noso hoxe.

El ocúpase de todo

Valentín ocúpase do coidado dos fondos, de abrir e de pechar o museo —con entrada gratuíta— e de atender aos visitantes. Aínda que a maioría se concentran na tempada estival, en días pasados reabriuse o período de visitas guiadas e quince viaxeiros da comunidade veciña presentáronse en casa Tin interesados en indagar máis tamén sobre etnografía popular. «Foi o primeiro grupo que veu de Asturias e a min emocionoume moito. Viñeron de vista ao Castelo e chamáronme para saber se podían acercarse. Para min foi unha alegría grande e creo que marcharon encantados. Xa me dixeron ‘hai que volver e mandar a máis'».

Valentín non para. A xubilación garántelle tempo libre para atender «500 maciñeiras», vixiar como crece a madeira nos montes e atender as súas pezas de colección.

Ademais dunha completa selección de aparellos de radio —ao redor de 300—, «teño 200 e pico reloxos de parede, de pulsera, de bolsillo...», un amplo mostrario de ferramentas, de apeiros e de útiles de distintos oficios, botellas de bebidas «cheas» de brandy, licores...: «Teño anís de todas cantas marcas hai». Tampouco faltan neste espazo gramolas, tocadiscos antigos e imaxes de santos: «Na casa de abaixo tiña unha capela. Antes víñaos ver máis xente».

O impulsor de Casa Tin leva varias décadas coleccionando e almacenando todo tipo de pezas: «Tiven que facer unha nave para ampliar e poder meter todo». Confesa que goza tanto da súa paixón polo coleccionismo como de exercer de anfitrión coas visitas.

«Cando ven xente ver o museo pásoo de marabilla. Eu non gaño nada con esto, que a visita é de balde, pero dame gusto que veñan. Parolamos un pouco e voulles ensinando todo e dándolles a información que teño», asegura Valentín, a quen lle gustaría recibir tamén a escolares, sobre todo porque cre que no museo poderían ver moitas pezas que lles axudarían a entender mellor o día a día dos seus antepasados e a esencia da cultura popular.