Xosé Antón García Cotarelo recibirá o xoves o título de Fillo Predilecto da Pontenova

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

García Cotarelo, en foto de arquivo tomada en 2014 en Ribadeo
García Cotarelo, en foto de arquivo tomada en 2014 en Ribadeo FOTO MIGUEL

Nado no municipio no 1941, o Concello recoñecerá «a unha figura clave no artellamento do autogoberno de Galicia»

26 may 2025 . Actualizado á 21:26 h.

A corporación municipal da Pontenova entregará no pleno deste xoves 29 (20 horas) o título de Fillo Predilecto a Xosé Antón García Cotarelo (A Pontenova, 1941). A proposta partiu no verán do 2023 da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que considerou oportuno solicitar do pleno do Concello esta declaración «para unha figura clave no artellamento do autogoberno de Galicia».

No escrito dirixido ao Concello, a asociación repasa a traxectoria profesional de García Cotarelo: «Despois de facer os estudos medios en Lugo trasladouse a Madrid para licenciarse en Dereito. Tras un período dedicado á preparación das oposicións que superou felizmente, foi desempeñando cargos en distintos ministerios. García Cotarelo estaba, como dicimos, destinado no Ministerio da Gobernación cando foi chamado para trasladarse a Galicia e artellar a estrutura xurídica-administrativa da recén creada autonomía. Un traballo ímprobo porque había que partir de cero».

Lembran que García Cotarelo «foi un cualificado artífice do ordenamento xurídico sobre o que se asentou o noso autogoberno» e, durante sete anos, aproximadamente, foi secretario xeral técnico da Vicepresidencia da Xunta.

«Xosé Antón García Cotarelo, amais de ter grandes coñecementos xurídicos, era un humanista preocupado pola cultura galega». Apuntan que, entre outros logros, «a el débeselle a creación do Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia, e a notoriedade de publicar a tradución ao galego de máis de vinte títulos de clásicos greco-latinos (...) Como importante foi recuperar da historia de Galicia todas as propostas de texto para a articulación dun ordenamento xurídico titulado ‘A autonomía galega ,1846-1981', en colaboración cos dous compañeiros, Rubén Lois Calviño e Jesús Fernández Jiménez».

Tamén lembraron que «foi o que decidíu que o ‘Diario Oficial de Galicia' se deixase de publicar a dobre columna, castelán e galego, para pasar a ser unha única edición monolingüe», dotou á Xunta dun departamento de traducións e «seguiu con especial interese a redacción dos proxectos de Lei de Normalización Lingüística, normativa básica para extender a lingua galega en todos os usos sociais. Tampouco lle foi allea a creación do Consello da Cultura Galega».

Os que volven

O alcalde da Pontenova, Darío Campos, manifestou que este título é un recoñecemento do pobo no que García Cotarelo naceu e ao que volve con frecuencia, sempre que pode. Destacou os seus méritos e traballo no artellamento da estrutura xurídica-administrativa da autonomía e, sobre todo, aplaude a vinculación de Pepe de Rego, como é coñecido na Pontenova, co seu pobo. «Hai que ser agradecidos, sobre todo coa xente que volve á Pontenova», manifestou.

Piden recuperar a memoria e a figura de María del Pilar Osorio, un referente na enfermería

No mesmo pleno, entre outros asuntos, o BNG defenderá unha moción relativa ao proxecto para recoñecer e recuperar a memoria e a figura de María del Pilar Osorio Carballosa. Veciña de Vilameá, foi das primeiras enfermeiras no 1915 e formou parte do inicial Corpo de Enfermeiras de España creado a instancias da Raíña Victoria Eugenia. Faleceu no 1950 e está enterrada no camposanto de Taramundi.