A Pontenova y su modelo de éxito para el rural con el turismo se fija un nuevo objetivo: adquirir la gran Ferrería de Bogo

j.a. A Pontenova / LA VOZ

A Pontenova

carlos florentino gavino santiso

A Festa da Troita converte en capital da pesca fluvial a un concello que loita por manter poboación e que pasou de ter 6 a 19 nenos no seu punto de Atención á Infancia

28 abr 2024 . Actualizado ás 10:55 h.

A aposta do Concello da Pontenova por apoiar eventos que logran captar visitantes e turismo é nítida, como a Festa da Troita, a feira de artesanía e antigüidades, concentracións de sendeiristas e acontecementos deportivos, entre outros. O alcalde, Darío Campos, teno claro e demóstrase con reclamos como a Tirolina dás Minas, que promoveu o Concello, ou a recuperación de rutas de sendeirismo. O resultado está á vista: A Pontenova é un destino turístico emerxente, crecendo en opcións para o visitante e cunha oferta hostaleira do máximo nivel, a miúdo froito de laboriosas e custosas rehabilitacións de iniciativa privada no rural.

«O Concello está moi involucrado en potenciar a afluencia de turismo. Este ano, antes de outubro, imos pechar a compra da Ferrería de Bogo, para despois ver de optar a algunha axuda para amañala e explotala. Pensamos que se podería facer un conxunto etnográfico de primeiro nivel e un aloxamento con dez habitacións, do que podería vivir perfectamente unha familia. Dará un pulo tamén moi grande á Pontenova, xunto con todo o que se está facendo coa tirolina, a ruta das minas, o sendeirismo, o Eo, esta preciosa zona de baño fluvial que temos...», sinala o alcalde.

E engade: «O turismo está sendo un complemento moi bo, agora que a gandería e a agricultura están perdendo peso. Quédanos o polígono industrial e o sector forestal, que na Pontenova é moi importante, pero con iso non chega. Facemos o que podemos: apostamos por crear o ciclo de soldadura no IES para ofrecer una alternativa de traballo á xuventude cunha profesión de gran demanda, pero o certo é que turismo non solo está traendo xente, senón que tamén xera emprego e contribúe a fixar poboación. O ideal sería medrar, pero polo menos que a poboación que temos se manteña».

A Festa da Troita é un dos mellores escaparates da Pontenova: «Este ano vai a tope, pola programación, os invitados e a repercusión mediática. Agora o que toca é confiar en que o tempo axude, pero en principio as perspectivas son moi boas. Está todo cheo».

«Convido a todos os veciños, galegos e asturianos, a vir connosco a gozar da festa»

Darío Campos, en nome de todos os veciños da Pontenova, invita a galegos e asturianos a acudir á Festa da Troita: «Que veñan a gozar con nós», di un alcalde dun concello fronteirizo, que linda cun dos grandes expoñentes do turismo rural de España, Taramundi: «Miramos cara Taramundi, o que alí fixeron, pero coa nosa singularidade. Alí houbo unha aposta moi forte da administración, que investiu moitos cartos. Nós o imos facendo con menos recursos. Pero claro que hai que aproveitar as sinerxías que se xeran. Somos complementarios e xuntos ampliamos o atractivo para o visitante».

O impacto positivo na Pontenova evidencíase no Punto de Atención á Infancia, unha infraestrutura municipal que empezou con seis nenos e agora ten a 19 matriculados. «Igual lle temos que dar unha volta e convertelo en escola infantil. Agora temos dúas traballadores, as mesmas que cando empezou o PAI, e cumprimos a ratio. É moi bo ese incremento de nenos, dando un servizo imprescindible se queremos manter a poboación». Como o será a nova residencia de maiores, xa na súa fase final de execución e que, financiada pola Deputación, terá 30 prazas.