«Se é máis barato ir o Caribe que vir á Mariña, ollo»

A MARIÑA

MARINA FERRADÁS

20 sep 2025 . Actualizado á 10:38 h.

Este pasado xoves analizouse o peso do turismo na Mariña nunha mesa redonda organizada pola FCAM. Foi un debate interesante e necesario, poden ler as conclusións en La Voz; tras a pandemia a costa lucense está a experimentar un incremento notable de visitantes. A Mariña púxose de moda e hai que aproveitalo e aí está a cuestión, como?

É fundamental decidir como. A Mancomunidade ten un plan que deseñou para un turismo sostible e programado,no posible, para todo o ano, que sería o ideal. Hai que saber xestionar ben o éxito para que sexa duradeiro; en turismo é máis importante se cabe porque é un sector máis inestable sobre todo se non se programa e o sector aproveita a inercia e depende do tempo; así, tan pronto estás de moda como te quedas fóra con dous veráns de choiva.

 A Mariña está a facelo ben, en xeral. Alguén avisaba no debate, ollo cos aceleróns, pódese morrer pronto de éxito se acaba saíndo máis barato ir ao Caribe con todo incluído que vir á Mariña, sobre todo porque no Caribe hai sol asegurado. 

A Mariña teno todo (salvo boas comunicacións A Mariña Occidental), iso é o bo, hai que saber xestionalo. Ter claro a que apóstase. O próximo 1 de outubro haberá outro debate a fondo sobre turismo sostible con expertos. A análise é necesario e tomar nota.