
Chámase Matilde Marqués Gallo, ten 67 anos; publicamos o seu testemuño en La Voz. Esta muller da Pontenova viviu un longo calvario (que aínda non rematou do todo) por culpa dunhas picaduras de garrapatas. 9 anos de sufrimento, de especialista en especialista (primeiro médico de familia, logo dermatólogo, traumatólogo, neurólogos, incluso un psicólogo) ata que lle acertaron co diagnóstico. Seguro que moitos se sentiron identificados coas súas palabras, senón en todo, en parte.
Todo por unhas picaduras de garrapatas que transmiten a borrelia, unha bacteria que acaba causando verdadeiro dano. A enfermidade de Lyme. Non é o mesmo escribilo que escoitala emocionada e case con bágoas ao teléfono contando a súa desesperación e todo o seu sufrimento un día tras outro, semana a semana e mes tras mes. Sanidade pública e médicos privados; gastouse neles 51.000 euros. Moita dor, en brazos, pernas, costas, cintura, partes do corpo paralizadas, insensibles, inflamación. Alucinacións. De Burela a Lugo, de Lugo a Coruña e así. «Doíame todo, todo», di.
Chegou a darse por rendida. Deixou a súa granxa na Pontenova, vendeuna por pura incapacidade. E aínda segue soportando os efectos secundarios. A vista, o oído, o equilibrio. Matilde, como diciamos na información, pertence agora á Asociación Lyme Metro a Metro, para dar visibilidade a esta enfermidade e que sexa recoñecida como crónica. Ela é a representante da asociación en Lugo. Contábanos que hai moita xente afectada por esta enfermidade derivada das picaduras de garrapatas, mesmo nesta zona. Pode chegar a ser terrible e parece mentira que todo comece cunha simple picadura de garrapata.