Inspección de Traballo cita o día 22 aos sindicatos pola situación de Sargadelos
A MARIÑA

CC.OO., CIG e UGT cursaron unha petición urxente de reunión tras o sucedido nas últimas semanas, cun peche patronal que durou varios días a raíz dun expediente laboral
11 abr 2025 . Actualizado á 17:40 h.Inspección de Traballo citou o vindeiro martes 22 en Lugo aos sindicatos CC.OO., UGT e CIG para informarlles da situación da fábrica de cerámica de Sargadelos en Cervo, onde dúas traballadoras desenvolveron silicoses.
Deste xeito respondeu á petición urxente de reunión que cursaron as tres organizacións no medio do conflito na factoría polo pulso que mantivo o dono da fábrica á Inspección de Traballo.
O empresario, Segismundo García, reaccionou a unha inspección e ao expediente laboral aberto por unha inspectora -requirindo melloras- cunha serie de cartas nas que enumeraba outra serie de deficiencias e finalmente anunciaba o peche da planta, segundo dicía, para protexer ao persoal.
Dito peche durou catro días, ata este mércores, despois de que mediase o conselleiro de Emprego, José González, con cuxo departamento chegou a un acordo o administrador único de Sargadelos para realizar un estudo sobre melloras na seguridade dos empregados. Ningúns dos operarios aceptaron adiantar unha semana de vacacións e outros entrar ás instalacións baixo a súa responsabilidade, como lles propuxo a dirección.
Ao redor dunha vintena de traballadores acolléronse a algunha destas dúas vías, mentres que o resto, medio centenar, permaneceu fóra, ás portas da factoría, ata que concluíu o peche.
As últimas eleccións sindicais en Sargadelos producíronse en 2017 e na actualidade o persoal carece de representación. A presidenta do comité en 2018 foi revogada polos seus compañeiros no medio dunha serie de despedimentos. Ela mesma foi despedida e finalmente readmitida e indemnizada por sentenza xudicial.