O ceramista Otero Regal presenta 130 deseños novos fabricados «100% en Galicia» na feira Intergift de Madrid
A MARIÑA
O artesán mariñán rexeita as «continuas ofertas de externalizar a produción a países con baixos custos en man de obra»
04 feb 2025 . Actualizado a las 11:33 h.O ceramista mariñán Alfonso Otero Regal presentará esta semana uns 130 deseños novos na feira Intergift de Madrid, que terá lugar entre os días 5 e 8 de febreiro en Ifema. «Expoñeremos as novidades para esta primavera/verán presentando uns 130 deseños novos, modificando tamén os acabados finais incluíndo cor en todas as pezas, en alta temperatura, azul, azul turquesa, verde ou laranxa», manifesta.
Entre as novidades destacan dúas coleccións. Unha de seda 100% natural en pañuelos, garavatas ou abanicos. «Todos eles decorados con deseños propios de Otero Regal, que tivo como mestra unha gran profesional na materia, Margaret de Arcos», abundan desde a empresa de Viveiro. A outra será de cerámica montada en prata, en fornituras bañadas en prata e ouro, como colgantes, pendentes ou aneis. «Todas elas froito dun gran proceso de deseño e minuciosa fabricación», sinalan.
Regal Cerámica participa na feira Intergift desde a súa fundación, sendo un dos expositores de maior antigüidade. «Acudimos con toda a esperanza posta en que sexa unha boa feira, pero a situación socioeconómica tamén nos crea certa incerteza», recoñecen desde a empresa mariñá con base en Viveiro, co complexo Regal Xunqueira, e que tamén conta cunha tenda no centro histórico da cidade do Landro, na Porta da Vila.
«O noso proxecto comercial é ter un número reducido de clientes, dado que a nosa plantilla tamén é reducida, pero que eses clientes sexan tendas de maior consumo e calidade», afondan desde Regal Cerámica. Destacan que todos os produtos son elaborados artesanalmente en Viveiro «rexeitando taxantemente as continuas ofertas de externalizar a produción a países con baixos custes en man de obra». «Pois consideramos que é unha opción nada ética e totalmente enganosa para o consumidor», sostén Regal.
«A cerámica de Otero Regal estase a vender como produto feito en Galicia fronte a produtos importados que utilizan a marca comprada de empresas que pecharon hai tempo, e que fabrican en países estranxeiros, o que significa unha competencia desleal para os que a trancas e barrancas seguimos a crear postos de traballo na bisbarra», defende Alfonso Otero Regal.