O Valadouro, territorio western no novo videoclip de Grande Amore

A MARIÑA

Rodaxe do videoclip
Rodaxe do videoclip CEDIDA

«Ontes fun moi malo» será o primeiro sinxelo do novo disco do valadourense, cunha peza audiovisual a cargo de Xaime Miranda

16 ene 2025 . Actualizado a las 12:04 h.

Conta Nuno García Pico, alma máter do proxecto musical Grande Amore, que unha das lembranzas da súa infancia é sentar cos avós a ver westerns. Décadas despois entende a identificación que sentían os seus familiares cun xénero xurdido a milleiros de quilómetros de distancia, e que contaba historias do vello Oeste norteamericano. O Valadouro, onde se criou, «tamén é algo así. Ten espazos chaos pero mesturados con monte puro, é moi curiosa a combinación de prados e cruces de camiños con sitios coma o Cadramón. Entendo que aquí se sentisen en parte identificados con aquelas películas», explica. O músico admite que as vaqueiradas son «o xénero cinematográfico ao que máis horas lle dediquei na miña vida», e que sempre lle rondou a idea de rodar algún videoclip de ambiente e temática similar. Niso anda, da man doutro mariñao admirador das longametraxes de vaqueiros, o realizador cervense Xaime Miranda.

A pasada fin de semana, Pico e Miranda congregaron en Frexulfe e en Santo Tomé a arredor de 60 persoas para rodar o videoclip de «Ontes fun moi malo», que será o primeiro adianto do seu novo disco, álbum que verá a luz no primeiro trimestre deste ano.

No videoclip participan decenas de veciños da Mariña
No videoclip participan decenas de veciños da Mariña XAIME MIRANDA

«En Frexulfe teño a antiga casa dos meus avós, o que era a súa taberna, e a verdade é que se prestaban para crear un ambiente de western», expón Pico, que quixo contar, tal e como o fixo no videoclip de «Pelea», con veciños da zona como actores. «Quedaramos moi satisfeitos da outra vez e queriamos trasladar algo daquilo a este vídeo», afonda.

A canción, pensaban Miranda e Pico, fala de arrepentimento e tamén se presta para un videoclip así. «A idea do fío argumental é que me queren axustizar, téñenme preso e vanme facer un escarnio público e logo aforcarme. Aí vén a banda, que me rescata. É unha situación prototípica de western, cadrábanos o xénero con ese tono arrepentido», argumenta.

Pico admite que facer un western, aínda que sexa en miniatura cun videoclip, dá certa vertixe, posto que «admiro as películas de Sam Peckinpah ou Anthony Mann, ou Río Bravo... Os referentes que temos son tremendos, ver a Robert Mitchum da cabalo... Igual pensas que vas lucir así e logo pareces Condemor, el Pecador de la pradera», ri o músico, que confía na mestría de Miranda, un dos realizadores de videoclips máis recoñecidos e premiados de Galicia.

O novo disco de Grande Amore (que Pico forma con Clara Redondo e Mariagrep) mestura a sonoridade electrónica do anterior, que foi recoñecido en toda España polos medios de comunicación especializados, con guitarras distorsionadas, cun resultado fresco. «Queriamos que fose máis rápido que o anterior, aínda máis escuro, e que recollese a enerxía do directo. Creo que o conseguimos, agora veremos cal é a reacción da xente. Como moi tarde en marzo estará publicado», apunta.

O disco foi gravado en Casa Talisio, en Madrid, baixo a produción de Jacobo Naya, de la Maravillosa Orquesta del Alcohol (M.O.D.A.), e coa participación do enxeñeiro de son Carles Campón, que ten traballado con Jorge Drexler ou Vetusta Morla.