Mini, cantautor que actuará no Teatro das Cortes (Cabanas) o sábado 25: «Estiven de mestre no Vicedo no 1973, cando empezabamos co galego na escola de forma clandestina»

Lucía Rey
Lucía Rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, foi un dos membros fundadores de Fuxan os Ventos
Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, foi un dous membros fundadores de Fuxan vos Ventos MARTINA MISER

Xosé Luis Rivas Cruz ofrecerá un concerto «para divertir á xente e facela pensar un pouco» coa formación Catro nun zoco

22 may 2024 . Actualizado á 19:19 h.

Xosé Luis Rivas Cruz, Mini (San Martiño de Pacios, Begonte, 1951), é unha das voces de Galicia. Membro fundador de Fuxan os ventos ou de A Quenlla, autor da música de Sementeira, un dos temas máis simbólicos do país; é mestre xubilado e foi alcalde de Boimorto ou deputado no Parlamento galego co BNG. Este sábado, 25 de maio, participará no «Sábado das Letras» que acollerá o Teatro das Cortes, no lugar de Xestoso, parroquia de Cabanas, no Vicedo, e no que haberá unha proxección do vídeo «Irmandinhas da Fala» (18.00 horas), ademais dun recital aberto (18.30). Ás 20.00 horas comezará o concerto de Catro nun Zoco, a formación na que Mini comparte escenario coas súas fillas, as músicas Navia e Iria Rivas, e a violinista Marina Quintillán. A entrada será de balde.

—Como será a actuación?

—Vai ser un concerto de música tradicional e música de autor, que é o que levo facendo toda a vida. Intentaremos divertir á xente, que o pase ben, e tamén facela pensar un pouco. A nosa música leva eses dous pousos: por un lado, o da alegría e de compartir; e por outro, o de intentar deixar algunha mensaxe para remoer, cada un como queira, cada un coa dentadura que teña. Pero remoer é interesante sempre.

—Que supón cantar no Teatro das Cortes, unha iniciativa impulsada polo actor Pepe Penabade na súa terra natal?

—Por un lado, volver ó Vicedo, onde estiven de mestre no 1973, cando empezamos co galego na escola de forma clandestina. Sempre gardei un boísimo recordo dese lugar e da súa xente. Fora unha experiencia moi bonita, de anovar cousas. Houbera un xaleo grande e chegaramos dez mestres noviños do paquete, probando novas maneiras de dar clase. Era romper co fascismo, coa escola clásica de vara e autoritas. E Cabanas é a terra de Pepe, un home especial en todas as dimensións: na artística, na persoal..., e sobre todo un amigo. Coñecémonos de hai moito e colaboramos en dúas obras de teatro: Pan e Menciñeiros. Oportunidades especiais de aprender e compartir.

—Como ve o rural?

—O rural necesita unha inxección de forza e de poboación, necesita renovación económica. Mentres o país non se dea conta de que o lóxico é que a cidade se alimente dun rural vivo e dinámico, mentres estea vivindo das importacións e teña abandonadas as súas terras, seguiremos nese impás. Pero eu sigo crendo nun rexurdimento serio e potente do rural. A vida é dureza, pero tamén alegría e esperanza, e a xente do rural sabe moito desas dúas cousas.