A Clínica Rosón en Foz lanza unha campaña gratuíta de revisión da boca a partir de xuño

e. garcia FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Está dirixida a todos os veciños de dentro e de fóra da Mariña, reservando cita, co fin de contribuír a un mellor coidado da boca, á prevención de patoloxías ou á detección doutras a tempo

15 may 2024 . Actualizado á 17:30 h.

O focense de orixe arxentina Adolfo Javier Gutiérrez Álvarez Rosón é a segunda xeración de odontólogos na súa familia, fillo dun pai profesor, «o máis importante na súa especialidade» en Buenos Aires, segundo subliña, e a quen seguiu tamén nos pasos da docencia alá na súa terra natal. «Hai xa 22 anos que estamos en España _sinala, citando á súa familia en Foz_ e ás veces agárrame ese bichito docente. Hai tempo atrás, fixen unha campaña de revisión gratuíta da boca e pensei que podía volver facela». «Hai xente que non relaciona determinadas enfermidades da boca co dentista _explica_ e consulta cun dermatólogo ou un médico xeral ou de familia, dando ás veces voltas e voltas sen un diagnóstico. Tamén me pasou con veciños ou pacientes con lesións, a quen non lles souberon orientar antes cando resultaba ser algo importante e que podía ir aumentando». Adolfo Gutiérrez defende que as patoloxías concretas da boca «domínaas o especialista». «Quero que a xente entenda que na boca, á parte de dentes e problemas de caries, ou enfermidade periodontal, tamén existen glándulas salivales, sebáceas, arterias, veas, nervios, mucosas, músculos e ósos... E todas esas estruturas, poden sufrir enfermidades». Existen enfermidades ampollares, vesiculares, tumorais, pre-cáncerosas, canceríxenas, de transmisión sexual, fúngicas, virósicas e un longo etcétera... Outras non teñen causa coñecida, outras duran toda a vida, outras curan», insiste, nun afán por concienciar tamén á xente sobre o coidado xeral da boca, «pero sen que se asuste», subliña. E axudarlles, «en caso de dúbidas», matiza.

Comezará coa devandita campaña a partir do mes de xuño, a través da Clínica Rosón que abriu hai unha década, en Foz, tras traballar na Pontenova, Lourenzá e Lugo, lembra. Indica que os interesados poden chamar telefonicamente ao centro para solicitar a consulta de revisión gratuíta. «Un dos meus obxectivos é tratar de ser unha boa persoa, e que me lembren como tal», sinala defendendo a súa iniciativa e matizando: «Esta campaña vai dirixida a todo o mundo, pero evidentemente fágoo con cariño á Mariña Lucense».