Tres dos mellores cámpings de Galicia e de España están no norte ao pé do Cantábrico

La Voz

A MariÑA

PHOTO GLOW Ricardo Viforcos

Dous deles acaban de ser elixidos Mellor Cámping de Contorna Natural e Mellor Cámping de Contorna Rural e a costa de Lugo é un das catro zonas de costa que optan a mellor destino de praias

13 may 2024 . Actualizado ás 20:15 h.

Tres dos mellores cámpings de Galicia e de España están no norte cantábrico, lucense e asturiano. Un deles, o Cámping Gaivota, na costa de Barreiros, está no «top ten» dos mellores cámpings de Galicia. Dirixido e deseñado por un artista, o pintor Celso Dourado. Con xardíns coidados e ao lado da praia e cun museo de pintura do propio artista na contorna. Espectacular e con cafetería (con actuacións en directo), lavandería e supermercado. Todos os servizos. Ofrece a posibilidade de aloxarse en cabanas, en tendas e en carromatos zíngaros.

Os outros dous cámpings son Rinlo Costa, ao lado da praia das Catedrais, en Ribadeo, e Amaído, en Abres, xa na costa verde do Occidente asturiano. Rinlo Costa acaba de ser elixido a finais do pasado ano Mellor Cámping de Contorna Natural de España. E Amaído foi designado Mellor Cámping de España en Contorna Rural. Son tres propostas moi interesantes para este verán, agora que A Mariña lucense e o Occidente astur gozan dun clima atractivo, suave e cálido, moi apreciado xa polo turismo. Sen unha calor tórrido nin frío severo polas noites.

O cámping Amaído, que conta con casa de aldea, cámping, cabanas e zonas dedicadas a horta ecolóxica e granxa de animais, xa fora finalista a nivel nacional nos premios da FEEC como mellor cámping de contorna rural, no ano 2021, ademais de ter obtido o Premio Verde 2012 concedido pola Fundación Rodríguez de la Fuente e recoñecementos do Concello de San Tirso de Abres pola traxectoria de tantos anos a nivel turístico na zona. Ten restaurante; a tempada principal do cámping, con 257 prazas e 89 parcelas, é de Semana Santa a finais de novembro. Destaca polas actividades infantís que levan a cabo e que son un «punto forte» especialmente na estación de verán. Ideal para familias.

O cámping Rinlo Costa, cuxa xerente é Belén Prado, está centrado no medioambiente e en divulgar a contorna e a cultura mariñeiros. Dispón de 86 parcelas e máis de 200 prazas e, entre outros servizos, a taberna Ollolongo, piscina de auga salina e zona de xogos. Ofrece varios tipos de aloxamento, ademais de parcelas para acampada, caravanas e autocaravanas, como bungalows, cabanas de madeira e glamping (Pods e tendas Bell). Unha marabilla, ao lado das Catedrais, dun dos maiores labirintos naturais e de localidades como Ribadeo, a porta norte de Galicia, e o pobo mariñeiro de Rinlo onde comer é un pracer.