Dirixir un hospital: a empresa máis complexa

A MariÑA

PEPA LOSADA

25 mares 2024 . Actualizado ás 14:06 h.

Foron moitos anos. Houbo un momento en que nos sentabamos á mesa familiar tres directores de hospitais públicos -Cabueñes de Asturias, Central Universitario de Galicia, Txagorritxo de Álava-. No meu caso tiven a honra de dirixir en Barcelona, Xirona, Vitoria, Burela e Jarrio. Comecei con tan só 27 anos e por oposición.

En Barcelona Vall de Hebrón era detrás da SEAT a empresa máis grande. Na Mariña o noso hospital do SERGAS é a empresa máis importante, pois reúne tres propiedades: Servizo público esencial; Nicho de empregos estables con salarios dignos; Impacto económico para toda a antiga provincia de Mondoñedo.

Na asistencia sanitaria sempre a demanda vai moi por diante da oferta en servizos diagnósticos e terapéuticos, producindo esperas moi dificiles de xestionar; ao que se engade a contorna sita nos Centros de Saúde e os espazos do propio Hospital que envellece e debe actualizarse como se fixo na Mariña-Burela.

Na empresa Hospital a xestión do persoal resulta ciencia ou arte pola complexidade da mesma tanto polo seu abano de profesións-espazo socio sanitario, hostalería, mantemento, administración-. E todo iso na conxuntura actual que o fai moito máis complicado pola falta de médicos para determinadas especialidades.

Resúltame sorprendente as boas intencións da actual ministra -médico hospitalario- que pretende diminuír o número de horas dedicadas ás urxencias. Aínda tendo razóns de fatiga no persoal, o cambio de tales horarios en dedicación implica ao aumento dos persoais, que hai tempo está moi xustificado pola envergadura dos coidados que precisan os enfermos ingresados, pero suporía incremento dos persoais e procura de efectivos.

En calquera caso e pola miña longa experiencia debo dicir que os nosos hospitais públicos funcionan moi ben, que son a xoia da Coroa, que debemos consentilos á hora de repartir os orzamentos xerais da Comunidade e que os Concellos deberían converterse nos primeiros foros para defendelos, polo menos co mesmo entusiasmo que se defenden empresas de dubidoso funcionamento e futuro.

Traballar nun hospital ou ser responsable dunha unidade e xa non digamos da súa totalidade, é unha honra, pero tamén como dixen antes, ciencia ou arte.

* Pablo Mosquera, médico, ex director de varios hospitais, entre eles o de Burela, e ex parlamentario.