Evolución ou involución: da pesca ao aluminio

Pablo Mosquera
Pablo Mosquera O DEBATE

A MariÑA

PEPA LOSADA

19 mares 2024 . Actualizado ás 08:06 h.

Cando baixo desde O Castelo ao peirao de San Ciprián, á altura de Lieiro vexo Pé, Baixa e Sombriza - arquipélago que marcaba a presenza do porto de San Ciprián, impactado pola cheminea máis alta do complexo en crise desde hai tempo, que desde 1980 transforma a bauxita en aluminio, e que por mor das súas necesidades enerxéticas estivo a piques de impulsar unha central nuclear na Roncadoira de Xove. Hoxe volvemos discutir sobre os custos da enerxía e tales son unha das causas xunto á balsa de lodos vermellos que comprometen a viabilidade da factoría que destila ao medio ambiente flúor, cadmio, cromo e outras verteduras.

Pero en 1970 calquera parecido co presente 2024 era mera coincidencia. O meu pobo era pesca e turismo. José López González -Pepe do Lugar-, Patrón Maior da Confraría de pescadores e home que dedicou unha moi importante xestión persoal a mellorar o seu pobo, sinalaba que había 28 embarcacións dedicadas á pesca do bonito e que desembarcaban no peirao, mediante poxa- case dezasete millóns de pesetas entre xullo e agosto- Da lonxa saían camións cargados de tal especie cara ás conserveiras de Celeiro. Acababa de celebrarse na Coruña unha Asemblea plenaria do Plan Xeral Pesqueiro para Galicia: pesca de arrastre; especies demersales con artes varias; pesca pelágica; comercialización do peixe; formación profesional. San Ciprián vivía pendente de tales.

O mesmo Regino Díaz Salgado, un auténtico lobo de mar dedicado á pesca de baixura, e unha lenda non só pola súa capacidade para pescar e ensinar na cuberta da súa lancha motora, tamén por aquela singradura na galerna de 1961 cando era patrón de pesca no Avante.

A outra actividade crecente. O turismo atraído polas mellores praias Cantábricas. Illas San Ciprián ou Península de Paz, formaba parte xunto a Viveiro, Ribadeo, Vicedo, Barreiros, Foz, Xove, dunha oferta sorprendente de areais brancos polo caolín e brillantes pola mica do granito. Rapadoira, Covas, Area, Esteiro, Os Castros, A Marosa, San Bartolo, Caolín, Area Longa, A Concha e Cubelas; San Román, Abrela... Aquí con dous establecementos emblemáticos: Hotel Pablo e Bar Restaurante Mar.

Se teño que conformar un triángulo do pasado que puxo ao porto de San Ciprián no caderno de bitácora para ofertas en plena sociedade do lecer, os seus vértices son: Antecedentes históricos de surgidero baleeiro e porto das Reais Fábricas de Sargadelos. Silencio que rende culto á paz entre a paisaxe mariña Cantábrica e a limpeza dunha sinfonía de praias. Temperatura suave para o paseo, o soño reparador e roupa cariñosa.

O devandito, é a nosa reserva ante calquera cambio por esgotamento industrial. Sempre teremos o mar. Sempre estaremos no centro da Mariña. Sempre poderemos recuperar as nosas raíces galaico portuarias con vocación mariñeira. Non é preciso recorrer a festivais de música enlatada ou botellóns xustificados con lendas-cantos de sirenas. O noso, para os de aquí, sempre será vivir de cara a ese norte onde está Inglaterra mar por medio. A luz do vello e orgulloso faro. O camiño real ás Fábricas de Sargadelos. A boa relación coa Vila do Landro. A historia da navegación a vela que se garda no noso Museo-Escola obra do mestre Rivera Casás. Temos pasado. Temos futuro.