Frear ás velutinas onde apareceron por primeira vez: mil niños menos na Mariña

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

A Xunta solicitou redobrar efectivos e anuncia medidas de choque innovadoras para frear a expansión das avespas velutinas

17 mares 2024 . Actualizado ás 10:41 h.

Fronte ao aumento «extraordinario» de avisos recibidos o ano pasado pola presenza de niños de velutina , a Xunta solicitou redobrar efectivos e anunciou recentemente medidas de choque innovadoras para frear a expansión da avespa velutina. Na comarca da Mariña, unha das primeiras galegas que alertou da presenza de velutinas, só a empresa pública Seaga retirou 1.029 niños ao longo de todo o 2023.

Sobresaen especialmente tres municipios —non son limítrofes— concentrando case o 31 % dos casos atendidos. En toda a provincia se retiraron 4.638, tras a da Coruña (12.294) e Pontevedra (máis de 8.800). A suma a nivel galego superou os 29.500.

Segundo a información facilitada por Vicepresidencia Primeira da Xunta, o municipio mariñán onde se rexistraron máis intervencións foi en Mondoñedo, onde se retiraron 111 niños. O segundo foi o de Foz —con 105— e o terceiro, o de Xove , con 101. No extremo oposto está Burela, con 31 actuacións. O rexistro do 2023 proporcionado polo Goberno galego contabiliza 55 niños neutralizados ou retirados en Alfoz, 85 en Barreiros, 58 en Cervo, 49 en Lourenzá, 49 tamén en Ourol, 39 na Pontenova, 75 en Ribadeo, 67 en Trabada, 43 no Valadouro, 73 no Vicedo e 88 en Viveiro.

Adhesión

Desde Vicepresidencia Primeira lembraron que a Xunta renovou por quinto ano a colaboración con Seaga para executar o programa galego de vixilancia e control fronte á velutina, acordado en 2020 entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A adhesión voluntaria dos municipios foi continua nos últimos anos, pasando de 285 concellos en 2020 a 313 na actualidade. Entre as novas medidas de choque impulsadas pola Xunta figura o reforzo de efectivos tras o aumento dos avisos recibidos, con máis de 56.500, o que representa un 40 % máis con respecto ao 2022. Realizarase un trampeo selectivo e planificado tendo como referencia a localización dos niños do exercicio anterior.

As mesmas fontes explican que, co obxectivo tamén de capturar raíñas que desde comezos da primavera saen en busca de alimento para construír os primeiros niños, farase un trampeo geolocalizado para poder facer un seguimento e evolución dos datos recolleitos na aplicación Controlvelutina. Diso encargarase un grupo de traballo formado por técnicos.

Tamén se adiantará a retirada de niños primarios de pequeno tamaño e reforzarase a formación, tanto entre os efectivos do servizo como entre profesionais afectados e tamén a nivel cidadán. O obxectivo: determinar o método máis efectivo para frear e evitar a súa propagación.

En Xove redobran os esforzos con prevención

Ademais dos convenios de adhesión que os Concellos teñen coa Xunta (o teléfono para solicitar a retirada de niños é o 012), algúns queren reforzar o servizo de prevención e control, e contratan a empresas privadas.

Entre outros figura o Concello de Xove, que a pesar de levar moitos anos adherido ao convenio, tamén teñen desde 2023 un contrato de servizos coa firma especializada Serpa, coa que tamén levan anos traballando en prevención. Así o confirmou a concelleira de Agricultura, Dolores Meitín, que avanzou que a partir deste sábado, día 16, a firma iniciará os traballos programados que, entre outros, contemplan a revisión exhaustiva de todas as zonas do termo municipal, o trampeo, as consultas cidadás e un control continuo, entre outros labores.

Implicación

A edila considera que a situación require redobrar esforzos, algo no que Xove leva implicado bastantes anos, explica. Á tarefa de control e de vixilancia tamén se suma —a través de Serpa— a tarefa de concienciación da poboación e de formación.

Así, entre outras actividades, organízanse reunións con apicultores, charlas cos máis novos para informarlles da situación e do que representa, ademais de prestar asesoramento nun posto que se instala no mercado dos mércores no que, ademais de información, proporciónase trampas.