Borrascas: para os mariñáns «vaga do mar», o maior espectáculo do mundo

A MariÑA

PEPA LOSADA

04 novs 2023 . Actualizado ás 23:00 h.

Cambiáronlle o nome. Ciclogénesis explosiva. Para os mariñáns «vaga do mar, cada unha dás elevacións producidas polo vento na superficie do mar». Sin duda, o mellor comezo para a mañá coincidindo coa pleamar. Todos os fenómenos da natureza: mar, vento, tormenta cos seus lóstregos e tronos, mentres o mar lanza espumas brancas con estrépito sobre as rocas de granito para logo tomar as praias e ocupalas na súa totalidade. É o maior espectáculo do mundo.

O que nos trae os recordos daquela infancia en que a luz se ía ou as galerías de madeira e cristal corrían o perigo de ser abatidas pola forza do temporal. A flota amarrada na ría. As cantinas servindo viño quente. Os homes de mans anchas curtidas pola madeira do remo e con cicatrices dos cortes ao tirar do aparello, tomaban o tazón daquel café negro con achicoria mentres a copa de augardente agardaba a súa quenda para ser o reconstituyente quita frío e humidade.

A luz do faro avisaba. Paseábase polas ruelas a modo de rolda. Algunha muller medorenta puña veas á patroa do Carmen. O ceo gris plomizo evitaba a luz solar e así o horizonte era oscuramente espeso. En soutos e fragas os castiñeiros e carballos se mecían emitindo xemidos que contribuían a dar maior realismo para facer presentes todas aquelas historias de aparecidos . Din que en tal espectáculo, as sombras do pasado reúnense no pazo de Rúa para celebrar un baile de gala. Son as ánimas festivas que saen do infinito para celebrar outro novembro tenebroso.

Mentres, as noticias dunha guerra. Outra máis a estilo século XX peros con dispositivos da revolución tecnolóxica, tráenos as noticias de como os seres humanos máis civilizados non aprendemos nada e os conflitos cos seus bastardos intereses seguen sendo un gran negocio para uns poucos e a miseria máis absoluta para moitos indefensos parias.

Xoves dous de novembro. Antes día dos defuntos. A Igrexa cala. As campás non tañen. A flota está ben amarrada. Recoméndase permanecer no fogar. Somos fillos do mar e o vento. É a nosa nai a natureza que nos lembra o pequenos que somos no medio dunha borrasca. Como diría aquel home de negro. ¡castigo de Deus!. Amén.