Denuncian «represalias» para os pescadores federados que concursen na Festa da Troita da Pontenova

La Voz A Pontenova / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O CIT da Pontenova pide á federación que repense a súa decisión de sancionar a quen participen en concursos de pesca con morte

15 oct 2023 . Actualizado ás 19:06 h.

O Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) da Pontenova expresou o seu malestar pola norma da Federación Galega de Pesca (FGP) que ocasionará «represalias» a quen participen en competicións de pesca con morte como a Festa da Troita que celebran entre finais de abril e principios de maio na localidade mariñá.

«Vemos lesionados os nosos intereses pois na Festa da Troita veñen participando federados que a partir de agora terán que decidir se facelo ou non baixo a ameaza da FGP», apunta o organismo presidido por Francisco Javier Rois Taracho, que engade que «outras festas da troita e concursos» atoparán «a mesma tesitura».

Segundo o comunicado do CIT pontenovés, a norma ameaza aos clubs e deportistas federados coa perda ou descenso de categoría se incorren nunha «falta moi grave» ao participar en competicións «non autorizadas» pola federación.

«En caso de continuar con esta ameaza, A Pontenova tomará as medidas oportunas para non ver lesionados os seus intereses turísticos e deportivos na Festa da Troita», rematan desde o CIT, que fai un «chamamento á cordura» para que a federación reconsidere esta norma «en contra dos federados e dos concursos e certames que non controla directamente».