Unha viveirense e un pontevedrés, os primeiros en celebrar a súa voda no Resurrection Fest

La Voz REDACCIÓN

A MariÑA

Pepa Losada

Un actor, Pedro Durán, actúa de oficiante na capela do festival

29 jun 2023 . Actualizado ás 22:23 h.

Este mércores, unha hora despois aproximadamente de arrincar o Resurrection Fest 2023 en Viveiro celebrouse á primeira hora da tarde a primeira das cinco vodas que se oficiarán nesta xornada no festival de rock; son cinco as vodas que se celebrarán por día durante as catro xornadas intensas de festival.

É unha das novidades deste Resurrection 2023. As vodas son rituais, simbólicas, pero con significado seguramente para esas parellas, de recordo na capela instalada no interior do recinto do festival, no novo bulevar da música. A cada voda dedícanse vinte minutos; permítense invitados na capela. A cerimonia inclúe fotos de recordo e agasallo de vodas.

Pepa Losada

Pasadas as 16 horas abríase a Resuland Chapel, a capela do Resu no bulevar da música; o actor Pedro Durán actúa de oficiante da cerimonia. Os primeiros en casar este mércores foron unha moza de Viveiro precisamente e a súa parella, un mozo de Pontevedra, Andrea e Iván, viven na cidade do Lérez. A segunda voda protagonizouna unha parella de Santiago, Martín e Cristina.

Pepa Losada

Hai xa un gran ambiente no recinto do festival, na zona de Celeiro , en Viveiro. Ghost protagoniza o concerto estelar na madrugada deste mércores a xoves. 

Pepa Losada

Actuarán case cen bandas e agárdanse máis de 140.000 fans do metal chegados de 46 países. Para que poidan chegar a Viveiro hai autobuses de Monbus e Arriva que os levan ata o festival, pero quen acudan en vehículo particular poderán estacionalo preto da nave de redes no porto de Celeiro.

Unha vez dentro, existen tres zonas de descanso máis Glamping Village, xunto ao recinto, e Resucamp ao lado do Beachcamp en Area. Ademais, hai toda unha oferta de foodtrucks , con opcións veganas e para celíacos tamén, así como pizzas na zona VIP que se inspirarán nos artistas do Resu. Iso si, os aloxamentos de Viveiro están completos.