Alegación firme en defensa da pesca desde Expomar ante a UE: «É fundamental, esencial e sostible»

La Voz

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Empresarios e expertos defenden desde Burela ao sector pesqueiro como servizo esencial e ademais sostible e necesario, con peso cultural e económico

11 may 2023 . Actualizado ás 21:53 h.

En Burela , dentro da programación da feira do mar, Expomar, séguese analizando a fondo a situación xeral do sector pesqueiro.

Este xoves pola mañá celebrouse o Encontro Empresarial, onde tiveron a visita do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, que lles expresou o seu apoio e destacou unha vez máis o papel relevante de Burela no mundo da pesca. O sector empresarial coincide en que está máis que demostrado que «a pesca é un sector esencial, estratéxico e con especial importancia socioeconómica nas comunidades onde desenvolve a súa actividade».

Neste contexto de análise da situación pesqueira, desde o XXIV Encontro Empresarial se poponen unha serie de conclusións relacionadas coas políticas europeas, revisión da normativa española, substitución xeracional e formación, asuntos económicos, comunicación e comercialización, que La Voz recolle hoxe na súa páxina de Marítima .

Xa pola tarde, onte tamén comezaron as Xornadas Técnicas de Pesca, que nesa primeira xornada centráronse na xestión pesqueira e os retos que afronta ante as leis que impón a UE ao sector. Hoxe pola mañá continuarán estas Xornadas Técnicas desde un punto de vista socioeconómico.

O sábado ao mediodía celebrarase un acto moi especial para a xente do mar de Burela, o recoñecemento á Confraría de Pescadores, que preside Basilio Otero, polos 100 anos desta institución, o que dá idea da tradición pesqueira de Burela e das súas xentes.

Mentres, Expomar tamén trata de achegar o mundo do mar a todos os interesados, e ofrece visitas a varias embarcacións de Salvamento da Garda Civil do Mar que se achan estes días no porto burelense. Este venres pola tarde proxectarase un documental e pódese ver a exposición A Mariña Submerxida.