Optimismo en Expomar: xa hai máis de 2.500 profesionais do sector do mar confirmados para participar

La Voz

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

A feira do mar celebrarase do 10 ao 13 deste mes de maio e volve con forza tras o parón obrigado pola pandemia

02 may 2023 . Actualizado ás 04:29 h.

Desde a organización da feira do mar Expomar en Burela están a xestionarse estes días os últimos detalles da próxima cita, a edición XIX de Expomar, que se celebrará dentro dunha semana, do 10 ao 13 de maio.

A próxima edición da feira náutico-pesqueira Expomar é, din, «a máis agardada» da súa xa longa historia, pois chega despois do parón obrigado pola pandemia.

Explican tamén desde a organización que o sistema de entradas e invitacións profesionais este ano informatizouse para facer máis cómoda a súa xestión por parte tanto da organización como dos expositores da feira. Nos últimos días descargáronse xa máis de 2.500 entradas profesionais, o que confirma o interese que esperta este evento. Entre os obxectivos da organización está superar a cifra de negocio xerada entón por expositores e visitantes profesionais.

Mentres, no porto de Burela ultiman as tarefas para que a nave de redes acolla en menos dunha semana a 19ª edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar 2023, que aumenta a súa superficie de exposición en máis de 1.000 metros cadrados con respecto á última edición, superando os 5.000 metros entre o interior da nave de redes e unha nova carpa anexa no porto de Burela. Este crecemento débese en gran parte á alta demanda de expositores, xa que un 30% dos expositores serán novos, sinalan desde Expomar, a feira do mar burelense que volve con forza.