O fútbol mariñán treme por arrástrelos

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Pepa Losada

A delicada situación de catro equipos galegos en Segunda Federación mantén en alerta ao Viveiro, apura ao Ribadeo e ameaza a outros cinco na comarca

21 mar 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O fútbol da Mariña treme por arrástrelos. Ata sete equipos da comarca, repartidos en catro categorías diferentes, ven ameazado o seu lugar pola fervenza de descensos que pode provocar a previsible desfeita galega en Segunda Federación. Con apenas oito xornadas por diante, a Polvoreira e o Bergantiños afástanse a 14 puntos do posto de play out, que agora mesmo ocupa o Ourense CF, a só tres unidades do Coruxo.

Así, no peor dos casos, en Terceira Federación caerían catro equipos, á parte dos tres que o farán de forma directa, e só un deses hipotéticos arrastres será emendado se o gañador da fase galega do play off supera a eliminatoria de ascenso ante un rival doutra comunidade. 

A situación do Viveiro CF

Fronte a esa realidade, a sétima praza que protexe o Viveiro non admite descoidos nas cinco últimas xornadas. Os seus 33 puntos danlle tres de vantaxe sobre o Paiosaco, que é duodécimo e o último agraviado no caso de que haxa dous descensos galegos desde a división superior, e só dúas sobre o Somozas e o Alondras, que serían os seguintes en caer. 

Problemas para o Ribadeo FC

Dos ata sete equipos que descenderían tal e como marcha actualmente a clasificación, tres iríanse ao grupo Sur —Choco, Barco e Alondras— e catro ao Norte —Arzúa, Silva, Paiosaco e Somozas—. Os outros tres conxuntos implicados na pelexa, Arteixo, Estradense e Viveiro, ameazarían tamén a permanencia do Ribadeo no caso de non manter a categoría.

Nun curso xa condicionado pola reestruturación da Preferente, que pasará de ter 40 equipos a 36 divididos en dúas ligas de 18, poderían darse ata 15 descensos e, coa clasificación actual, oito afectarían o grupo no que compiten os mariñáns. Iso obrigaría ao conxunto de Dani Moirón, décimo cuarto con 34 puntos, a avanzar polo menos ata a duodécima posición que garda o San Tirso con dous máis. 

Sporting Pontenova, CD San Ciprián e Lourenzá

Con algo máis de marxe para a Residencia nas once últimas xornadas, é novena con 40 puntos, os equipos lucenses que se verían prexudicados por arrástrelos serían o Portomarín, pechacancelas con só 5 puntos, o Lemos, que é décimo quinto con 33, e o propio Ribadeo. Os tres pasarían a competir no grupo 3 de Primeira Galicia, polo que, ademais dos tres descensos directos, habería outros tres arrastres.

Con oito xornadas por diante, a salvación estaría no duodécimo posto que ocupa o Monterroso, con 30 puntos, pondo en serios apuros ao Lourenzá, que é décimo cuarto con 27, e deixando nunha moi delicada situación ao San Ciprián, décimo quinto con 17, e ao Sporting Pontenova, décimo séptimo con só 11 unidades. 

CD Alfoz e Celta Barreiros

Dos seis equipos que se verían prexudicados polo descenso, só o Antas, pechacancelas, pertence ao sur da provincia, mentres que Sporting Pontenova, Pastoricense, San Ciprián, Lourenzá e Riotorto irían ao grupo Norte de Segundo Galicia, onde sumarían cinco descensos ao que se producirá de forma directa. Garantiría a salvación o décimo lugar que custodia o Alfoz con 31 puntos, pero ten a só un ao Castro B e ao Cabreiros. Imposible xa ten evitar o descenso o Celta Barreiros, décimo quinto con só 9 puntos.